Viva a revolución!

breogán vázquez gil, profesor de Finanzas en Nova Jersey AO DÍA

OPINIÓN

Rick Wilking | Reuters

02 mar 2021 . Actualizado á 18:16 h.

Parar se xa oíron esta historia. Un país cun Goberno corrupto, roubando ao pobo. Un grupo populista rebélase contra eles e toma o poder con aclamación popular… e resulta que os populistas rematan sendo tan ladróns como os anteriores. E o pobo segue sufrindo…

Pois a esta historia lémbrame o que vivimos agora cos hedge funds, GameStop e o grupo en Reddit, WallStreetBets. Aos que a opinión mundial está glorificando como pequenos investidores rebeldes, loitando contra a opresión global do imperio galáctico de Darth Vader e a estrela da morte dos hedge funds.

A todos gústanos unha historia de David contra Goliat, Rocky contra Apollo, Luke Skywalker contra Darth Vader, o Alcoyano contra o Real Madrid… Pero non confundamos unha bonita historia coa realidade do mundo.

Eu non coñezo a ninguén en WallStreetBets e, evidentemente, non podo asegurar as súas intencións. Pero crear unha narrativa de «guerreiros sociais» é, na miña opinión, tan inxenuo como a aclamación popular a todos os revolucionarios da historia, que rematan sendo máis corruptos que os anteriores.

Imos ver, aquí a xente está ao que está. A forrarse.

E non nos enganemos. Calquera acción concertada de manipulación de mercado é, por definición, ilegal. Tanto, ou peor, como do que se lles acusa aos hedge funds cando se pon curtos e pon presión ao mercado. Polo menos aí non hai evidencia de concerto. Aquí a mensaxe é: «Se compramos todos, afundimos aos hedge funds».

Pero vostedes dirán, «que máis dá? Os hedge funds son uns… [poñan aquí o despectivo que queiran. E merécenllo!] Aquí, a xente normal pode participar e forrarse tamén. Viva a revolución!».

Primeiro, entendamos que os xestores de hedge funds serán o que vostedes queiran. Pero o diñeiro que manexan inclúe fondos de pensións de profesores, bombeiros, policías, mineiros… é dicir, de currantes como o resto.

Segundo, os pequenos investidores tamén perden. Hai unha estratexia coñecida como pump and dump (inflar e tirar) onde os manipuladores compran accións por anticipado e despois proceden a inflar a acción a través de comentarios (sen fundamento real) en redes sociais ou prensa, para vender unha vez que a xente se abalanza a comprar e sobe o valor da acción. Unha vez que é obvio que non hai razón real para a subida da acción, esta cae e os que investiron tarde se comen as perdas.

É dicir, a estafa piramidal do mercado bolsista.

E se non me cren, preguntar aos investidores pequenos que compraron accións de GameStop a 400 dólares hai uns días, cando aínda se lían comentarios en WallStreetBets de vento en popa a toda vela! E agora perderon boa parate do seu diñeiro coa acción a 100. A ver que parécelles a revolución agora.