Non somos anxos

Francisco Martelo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

María Pedreda

20 ene 2021 . Actualizado ás 13:05 h.

O próximo día 30 cumpriranse 88 anos do nomeamento de Adolf Hitler como chanceler de Alemaña. É un dos moitos exemplos nos que monstruosos desatinos da crueldade humana xorden en nome da amizade e a súa exaltación, no da fraternal camaradería e do ben da colectividade. Só tres anos máis tarde comezaría a nosa Guerra Civil como unha gran cruzada, para reconducirnos, a través dun profundo sufrimento, aos nosos valores perdidos.

Estes días, outro líder de masas, desde o poder, intentou pervertir o pluralismo político no país paladín da democracia e primeira potencia militar do mundo. Non cambiamos moito. A xente segue radicalizándose desde as esferas políticas, botándose as culpas os uns aos outros; pero diseminando proselitismo nas redes sociais a velocidade de vertixe. Pero, curiosamente, o que aparece nas redes sociais non é a vida real, é o criterio de activistas que descargan nelas as súas frustracións e as súas formas de entender a situación sanitaria, social e económica; a maioría delas cunha formación cultural escasa, menosprezan a prensa escrita e renuncian, mesmo, á información das cadeas de televisión.

A situación é moi diferente á que viviamos na miña época xuvenil, no bar de Chapela (Redondela) propiedade dun socialista represaliado na posguerra, onde nos reuniamos os estudantes. Á hora do noticiario suspendíanse as partidas de cartas, damas e xadrez e atendíase á información da televisión. Finalizado o telexornal establecíase un faladoiro, na que estabamos a desexar que o señor José, xefe do local, rematase coa súa frase habitual, en voz baixa, emitida co seseo total da nosa zona: «Vos non tedes nin idea: sosialismo é cooperativisasión». Tiña razón, porque no franquismo desarrollista había ganas de cooperar e traballar en común.

Todo iso vén a conto porque nestes momentos difíciles, desde todas partes, avógase pola cooperación amigable, evitando o egoísmo persoal, solicitando ter sempre presente a saúde da colectividade. En plena pandemia, o Financial Times, a biblia do liberalismo económico, nun dos seus editoriais reclama un papel extraordinario do Estado, cunha maior distribución da riqueza, desaparición dos privilexios, entender o gasto social como investimento, todo iso afastado da ideoloxía que mantiña.

Non somos anxos. Non somos fundamentalmente bos; pero transcorrido un ano da urxencia sanitaria global que nos tocou vivir quero agarrarme ao discurso do señor José, dicíndolles que non lles caiba ningunha dúbida que, a pesar do comportamento dalgúns desalmados, que se saltan as normas e abren os telexornais, o comportamento maioritario da cidadanía ante a pandemia foi unha explosión de cooperación e altruísmo. Que os políticos saiban xestionala.