O rock and roll e o cambio climático

Javier Guitián Rivera EN OCASIÓNS VEO GRELOS

OPINIÓN

THOMAS LOHNES | AFP

24 ene 2021 . Actualizado á 11:54 h.

Seguro que os lectores oíron falar dos violíns Stradivarius. A palabra provén do apelido italiano de Antonio Stradivari, que viviu na cidade de Cremona, Italia, entre 1644 e 1737. Stradivari era un lutier que se dedicaba a crear instrumentos de corda, basicamente violíns, e o seu talento para iso era tal que non tardou en crearse fama como un dos mellores artesáns do seu tempo.

Ao longo da historia, diferentes teorías trataron de explicar a extraordinaria calidade dos seus instrumentos. A máis aceptada ten que ver coa utilización de sal de boro, un insecticida coñecido para combater a praga de insectos que se descubriu que houbo por aquel entón na zona. O bórax contén sales metálicos e esta teoría sostén que a presenza destas partículas metálicas conferiría aos seus instrumentos a forza e riqueza de son que tanto se aprecian.

Na segunda teoría, máis suxestiva, atopamos a relación co clima. Esta teoría di que a calidade do son se debe á densidade superior da madeira con que foron feitos os instrumentos, densidade que se debeu ás baixas temperaturas que se deron durante a denominada «Pequena idade de xeo». Ese patrón de crecemento das árbores, reflectido nos seus aneis, sería o responsable das peculiaridades acústicas da súa madeira.

Pois ben. Como publicou Víctor Resco en The Conversation, pasados máis de tres séculos, os fabricantes de guitarras eléctricas chamaron a atención sobre a falta de madeira para a súa construción. Hai unha especie de árbore que é fundamental para a vida do rock: o freixo verde, unha especie que crece nas chairas do río Misisipi. O seu crecemento lento e a súa madeira pouco densa fan del a especie ideal para fabricar as emblemáticas guitarras da marca Fender: as elixidas por Bruce Springsteen ou Eric Clapton, entre outros.

O cambio climático está diezmando as poboacións desta árbore, polo que Fender xa está a buscar outras especies para continuar fabricando instrumentos; no mesmo sentido, a degradación forestal dos trópicos está a diminuír a calidade da madeira de caoba utilizada nas guitarras Gibson, as favoritas de guitarristas como George Harrison ou Chuck Berry.

A cuestión é que mentres o papel dos cambios no clima na orixinalidade dos Stradivarius permanece no terreo da especulación, a súa influencia na desaparición das madeiras de guitarra é unha evidencia. Xa o sei, It's only rock ‘n' roll (but I like it).