Fillos dun mal menor

Tato Vázquez Lima URGENCIÓLOGO

OPINIÓN

CAPOTILLO

28 oct 2020 . Actualizado ás 09:34 h.

Neto dun agricultor nado no interior, sustento de décadas, neto tamén dun mariñeiro de grande mares e duras tormentas, tíos emigrantes en Centroeuropa e na querida América. Aqueles que coñecín; quixen entender as súas miradas ao ver a nosa xeración: satisfacción, orgullo de país…

Naceron a principios do extinto século, viviron novos ou nenos as consecuencias daquela primeira guerra mundial que levou máis de 30 millóns de vidas nun procreo de destrución colectiva. Intentaron espertar daquel pesadelo pero pronto sentiron nas súas carnes a fame derivada do 29. Talvez non feitos ao sufrimento, pronto se atoparon co vórtice suicida da guerra entre irmáns. Decimados e esgotados sentiron o espertar das ideas máis destrutivas en toda Europa, cun voraz apetito de depredación dos seus propios congéneres… E xa na súa madurez acostumáronse a vivir baixo o corpiño da nula liberdade e o estomago baleiro.

Espertaron e creron entender que a existencia era un ben que merecía ser vivido. Asistiron atónitos ao nacemento dunha nova sociedade, de xentes «ben formadas» con «idea clara de destino», pero quizais, só quizais, foi unha simple ilusión.

Daqueles auténticos sufridores, empáticos e solidarios só quedan as pegadas da historia. Os seus herdeiros hanse feito adultos (ou talvez non tanto) no país da mediocridade e o egoísmo. Aquel espírito de prosperidade e liberdade viuse crebado polo imperio dos desexos. Poucos son capaces de entender vínculos maiores co ben colectivo, quizais non teñamos conformado as vimbias que permitan facer unha cesta que aglutine o futuro da nosa especie. Estraños herdeiros que non fomos capaces de entender uns minutos de solidariedade, de respecto e de humanidade cara aos nosos congéneres. A forma imperante de «eu sempre primeiro», pouca adherencia á responsabilidade e sacrificio do porvir por idolatría á inmediatez, son inherentes a moitos. É probable que a política sexa de xeito xenérico un amargo reflexo desa realidade. E se os foros gobernantes «agudizan o seu enxeño» non é froito dun desexo de prosperidade, é tan só unha imaxe distorsionada da sociedade alumada.

Entre tanto, na memoria dos profesionais só se albisca hastío, frustración e indignación ante tanta incompetencia, apatía e indiferenza de falsos líderes. Nunca o creron os que nos encheron de cariño, marcaron noso ADN e soñaron cun mundo mellor. Persoalmente, síntome avergoñado e pídovos desculpas…

Máscara, distancia, responsabilidade individual (e con iso colectiva). Breves instantes de compromiso nunha vida, nun obxectivo único de ser autenticamente humanos, salvar vidas e honrar ás nosas orixes…