Polo noso futuro

Reyes Maroto
Reyes Maroto TRIBUNA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

15 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A pasada fin de semana era testemuña da manifestación de mozas da comarca da Mariña tras unha pancarta que rezaba «Polo noso futuro». E súmome a ese slogan. Unha multinacional non pode pór en risco o futuro de toda unha comarca, sobre todo cando actúa de mala fe, como constatamos ao longo de todo o proceso de negociación do despedimento colectivo con numerosas advertencias neste sentido por parte da autoridade laboral. Ademais, revelouse que a escusa do prezo da enerxía non é válida porque desde o Goberno puxemos a disposición da empresa todos os instrumentos de acompañamento para manter as capacidades industriais na Mariña. Tamén exploramos a venda da fábrica a un investidor que ten un proxecto industrial de futuro. Pero Alcoa rexeitou todas as propostas de solución. É o non polo non.

Alcoa sempre quixo pechar a fábrica e os seus feitos hana delatado. Durante estes meses utilizou o marco das negociacións para simular que estaban a facer algo, cando a realidade é que querían deixar pasar os prazos para pechar a planta.

E fronte á negativa de Alcoa de buscar solucións, é o momento de reforzar a unidade de acción. Nestes momentos, máis que nunca, debemos seguir traballando xuntos ? Goberno de España, Xunta de Galicia e sindicatos ? para manter as capacidades industriais e o emprego desta planta.

Desde as administracións estamos a despregar todos os instrumentos xurídicos e administrativos para esixir a Alcoa o cumprimento dos requisitos necesarios polas axudas públicas recibidas, como as subvencións de CO2 que esixen á empresa o mantemento do emprego, algo que non parece cumprir coa execución de ERE que acaba de comunicar. Pero tamén, ímoslle esixir o cumprimento das obrigacións ambientais polas que tería que facer fronte a centos de millóns de euros en caso de incumprimento. A nosa vontade é que Alcoa devolva todas as axudas públicas que recibiu.

Tamén estamos a analizar todos os instrumentos dentro do ordenamento xurídico e do marco da Comisión Europea para garantir un futuro industrial na factoría de Alcoa na Mariña. O interese de Liberty House por investir na planta continúa e o seu proxecto garante o futuro da planta.

En todo este longo proceso, desde o Ministerio de Industria expomos unha iniciativa innovadora e orixinal: a posibilidade de que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) tomase o control da planta de San Cibrao para poder cedelo logo á compaña Liberty, interesada en adquirir a factoría de aluminio. Unha opción que apoia a Xunta e os traballadores. Esa toma sería posible se Alcoa aceptase. E Alcoa está a tempo, aínda pode rectificar e permitir unha venda que lle aforraría un proceso xudicial longo e custoso.

Os próximos días serán decisivos e é importante, como dicía ao principio, manter a unidade de acción para conseguir o mellor desenlace.

Volvendo á manifestación do pasado domingo, os mozos son o futuro e por eles o Goberno de España, a Xunta de Galicia e os sindicatos seguimos unidos cun único obxectivo: manter a produción de aluminio na Mariña.