John Rambo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro Ou PAÍS DÁS MARABILLAS

OPINIÓN

01 oct 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Hai cousas que non teñen explicación. No outono, principalmente. A hora da sesta é un dos lugares comúns onde náiades e heroes acalorados dirimen contas con Morfeo. É un carácter. E carácter é destino, segundo Nietzsche. De Nietzsche quíxenlle falar ao meu primo Gerardo onte á tarde. Non houbo maneira. El non perdoa a sesión de cine vespertina. O que sucede é que a esas horas non está elocuente, como nel resulta habitual. Utiliza, acuciado polo tal Morfeo, dúas expresións propias: «Moi bo», cando se refire a asuntos do seu agrado, e «hmmmm» cando os asuntos son feos. Por exemplo, Sergio Dalma é hmmmm. Porén, Leo Messi era moi bo (ata este agosto). Richard Gere, hmmmm. Clint Eastwood (ao que no bar Chaves chamaban Clint Estavoz), moi bo. O de Richard Gere non o comprendín ata que me contou que nas súas películas «liábase» con varias noivas á vez: algo reprobable e propio dun «chulito». Polo tanto, se aparece Gere, apaga o televisor. Só unha vez foi engañado. Na película Rey David (1985). O protagonista tíñalle cara coñecida. Pero non distinguía quen era pola perruca e a barba. Ata que o descubriu: Richard Gere. Non agardou ao final. Dixo, simplemente: hmmmm. Gústalle moito o cine. As súas películas favoritas, as de acción. Porén non hai acción capaz de vencer a hora da sesta. Onte tocounos John Rambo, last blood. Non duramos demasiado. Foron as nenas a despedirse e dixeron que durmiamos profundamente. Tocáronnos, asubiaron. Papá, Gerardo, insistían. E nada. Así dúas horas, as que dura a película. Espertei por fin. O Gerardo espertara un minuto antes. Que tal, preguntei. Contestou, secamente: «John Rambo, moi bo!». Hai cousas que non teñen explicación.