O futuro do turismo, a proba

Andrés Precedo Ledo LÍNEA ABERTA

OPINIÓN

CAPOTILLO

14 may 2020 . Actualizado á 16:04 h.

Sabémolo: o sector económico máis afectado pola pandemia é o turismo. Xa caeu da táboa a Semana Santa e xa veremos como se presenta o verán. Á paralización forzada engádense as consecuencias que a inseguridade ante o virus poida ter na demanda. E non só os estranxeiros; moitos españois limitarán o seu radio de movemento e utilizarán o seu coche: o road trip gañará adeptos. Ademais, como a capacidade adquisitiva quedará minguada para moitas economías domésticas, reducirase a demanda; pero aínda así, para os españois a España Verde -e dentro dela Galicia- seguirá sendo unha boa opción pola súa contorna máis saudable. Está por ver o que farán os portugueses, os nosos principais clientes vacacionais do outro lado da raia.

Nos outros países europeos, as cousas poden ser doutro xeito. Moitos visitantes potenciais tamén notarán a caída de rendas, e outros optarán polo turismo interno como opción preferente, como a propia Unión Europea recomendou algunha vez. Quen busque o sol dubidarán se dirixirse ás nosas costas pola perda de imaxe e o temor ao contaxio. Xa sabemos que o turismo é moi sensible a estes feitos. As Canarias teñen máis vantaxes para recuperar a súa imaxe de destino seguro, pola súa menor incidencia e insularidade, pero está por ver que pasa co transporte aéreo.

Para Galicia hai datos que xa podemos dar por seguros: redución do número de visitantes, menos capacidade adquisitiva, caída do transporte aéreo, e opción preferente por destinos sostibles, saudables e de baixa frecuentación. Isto, que desde o punto de vista do sector pode parecer negativo, desde a perspectiva do destino pode converterse en positivo. Razóns: evitarase o efecto da masificación nalgúns destinos e a oferta terá necesariamente que orientarse á calidade e á sustentabilidade do produto e do destino. Xa agora ocorre, pero será máis determinante. Se a procura da calidade xa requiría mellorar a presentación e hixiene dos locais, agora os criterios de seguridade sanitaria porano moito máis esixente. Todo isto terá un custo e non será doado compaxinar a calidade co prezo contido, e ese será un dos dilemas aos que teremos que responder. Seguiremos sendo competitivos se hai que aumentar os prezos? Deberiamos conseguilo, porque é o mellor camiño para ser sostibles.

Ao final, este cambio forzado pode funcionar como unha corrección de excesos cometidos e como un acicate para valorar máis o noso: a paisaxe, o patrimonio e, como sempre, a gastronomía. O mesmo pero con máis calidade, con máis deseño, con máis hixiene, con máis seguridade e con produtos auténticos. O ecoturismo, a cultura local, o turismo sostible en xeral, as actividades en plena natureza, sexa marítima ou interior, serán os mellores acompañantes dun Xacobeo que é máis necesario ca nunca, pero que tamén necesita unha readaptación ás novas condicións. Temos moitas vantaxes, pero tamén moito que facer.