M.ª Dolores Ruesta e a libre elección

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 novs 2019 . Actualizado ás 05:01 h.

A María Dolores gustáballe elixir onde vivir, pero tivo que marchar ao exilio venezolano con seus pais en 1939. Gustáballe elixir aos seus gobernantes e por iso, sendo estudante na Universidade Central de Caracas, mobilizouse contra a ditadura de Pérez Jiménez, aquel que contratou a Cela para que lle fixera a novela do seu réxime. Seu pai enviouna de visita a España, pero estaba convencida de que fora unha escusa para sacala de problemas en Venezuela. Aquí emparellou, e vinculada aos mozos e mozas da Agrupación Socialista Universitaria seguiu a loitar, dende a oposición democrática ao franquismo, pola libre elección de Goberno, agora na terra de seus pais. Chegada a democracia pola que traballara foi das primeiras mulleres en elixir o divorcio en 1981, pero non puido elixir a forma de morrer dignamente porque esta opción aínda non está regulada e porque en Madrid, onde vivía, houbo médicos perseguidos por axudar aos seus pacientes. Finou logo dunha vida plena na compaña dos seus e querida por moitos.

María Dolores era filla de Santiago Ruesta, quen con Marcelino Pascua formou parte da xeración de médicos republicanos impulsores do que hoxe coñecemos como sanidade pública, entendida como organización dos servizos sanitarios básicos para toda a poboación, promovendo dende a Dirección General de Sanidad un cambio moderno da estrutura sanitaria e asistencial que incluía un seguro de enfermidade para os traballadores. Os esforzos renovadores daquel peteiro de profesionais, apoiados por Casares Quiroga (pois Sanidade aínda dependía do Ministerio de Gobernación), provocaron a animadversión de grupos de presión e sectores ideoloxicamente contrarios que -como o Vallejo-Nágera- acusaban aos promotores de atentar contra a liberdade de elección de médico e intentar impor medidas socializantes na organización da sanidade.

Aquel debate non era tan distinto deste que agora volvemos iniciar sobre a libre elección de centro escolar. Cuestión que pese ás críticas non foi nunca revisada dende que, no arrinque da democracia e baixo gobernos da UCD, se estableceu o criterio vixente nun sentido que tivo unha privilexiada e benévola interpretación durante catro décadas. Tanto en relación coa elección de centro polas familias como da dotación e xestión privada de recursos públicos polas empresas educativas. O privilexio non é liberdade, e estamos diante dunha regalía que distingue á ensinanza pública da privada concertada, a favor da segunda. As declaracións da ministra Celaá na dirección de repensar as políticas educativas sobre a forma de garantir a liberdade de elección de centro, e por tanto a forma de acceso á educación concertada, acaban de abrir un asunto recorrente formulado dende os sectores máis progresistas, pero que ningún goberno se atrevera nunca a tocar. Era tabú. Algúns converterano na caixa dos tronos, para moitos é hora de superar un privilexio de feito, e outros falan de puro tacticismo para favorecer a formación de Goberno. En todo caso, o apuntado pola ministra vai na liña de garantir esa igualdade da que tanto se falou nas últimas campañas electorais. Como lle gustaría a María Dolores: nin tótem, nin tabú.