Sexo na escola

OPINIÓN

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O borrador da Lei de Violencia contra a Infancia acolle a posibilidade de que todos os colexios inclúan a educación afectivo-sexual dende os seis até os 16 anos. Unha materia concreta, por fin! Levo anos visitando centros educativos para falar coa mocidade dunha miña novela que desenvolve o anarquismo dos anos trinta en Galicia e sempre hai certos sorrisos, mesmo estrañeza, cando lles digo que na época destes personaxes libertarios moitos promulgaban que o sexo se aprendese nas aulas, con cursos ou mesmo como materia.

Sen asumir todas as teses do anarquismo, sempre pensei que neste tema estaban ben avanzados e vían o sexo como un lugar de pracer e respecto que contrastaba coa sacralización que a Igrexa facía do asunto. E unha materia para que? Principalmente para que aprendan a amar a outra persoa e, cando teñan as primeiras relacións, non sexan un fracaso, como adoita acontecer; para que rexeiten o patrón falocéntrico da pornografía á que teñen libre acceso e saiban que hai pracer máis alá do coito; para que non vexan a parella como unha cousa; para que respecten a diversidade; para que reforcen a súa autoestima, o pracer e o consentimento. Se esta aprendizaxe se leva á escola, é probable que tamén acabe por chegar á sobremesa de moitas casas, onde moitos pais pechan os ollos porque se negan a crer que os seus fillos xa poidan ter as primeiras relacións aos quince anos. Aplaudo o intento do Goberno, pois así evitaremos casos coma o dun meu amigo que, estando en terceiro de carreira, tivo a súa primeira conversa de sexo con seu pai cando lle preguntou, cunha fuxidía transcendencia, que tal lle ía coas mulleres.