Rúbricas cívicas

Mar de Santiago LIÑA ABERTA

OPINIÓN

22 may 2018 . Actualizado ás 08:36 h.

Inverosímil. Desde o principio, quen formamos parte da comunidade universitaria, sabiámolo. Poderiámonos/Poderiámosnos ter aforrado o formidable espectáculo circense de Cifuentes e o seu troupe de funambulistas do postureo, prestidigitadores da nada e gladiadores sen gancho e con pouco encanto. Desde o lume amigo, houbo quen furtivamente aplaudía coa orellas, por aquilo do “quítache ti que me poño eu”. Desde as bancadas de en fronte, os aplausos sucedíanse en vivo e en diferido, ata a esperpéntica rapsodia crematística. Un suflé político, punto e final.

Mentres, as empresas do atrapalotodo (catch-all party en terminoloxía de M. Duverger), confiadas en dar coa tecla máxica da estratexia do rédito electoral, foron rescatando do trasteiro do «e ti máis», o stock de ventiladores comprados de saldo no ERE dalgunha empresa do sector.

E é entón cando asistimos -entre atónitos e avergoñados- á pasarela de currículos do parlamentarismo patrio: hainos dopados, mutantes, flotantes e ata menguantes. Un auténtico estriptis do excusatio non petita accusatio manifesta.

Paralelamente a este fenómeno tan ibérico, onde a incompetencia e mediocridade campa ás súas anchas, e a afección pola posverdad e a resistencia ás poltronas do poder de parte da nosa clase política vai in crescendo, tamén aumentan as estatísticas do novo perfil dos nosos emigrantes. A mellor materia prima con denominación de orixe: o noso capital humano. As xeracións formadas e cualificadas nas nosas universidades non só teñen currículos auténticos e cotejados. Levan o coñecemento no seu pasaporte, repartindo o seu talento polo mundo: de Laponia a Massachusetts. E aquí mesmo, en casa, igual chama á túa porta unha man con dous graos de Bolonia, ou che poñen un café con tres másteres dos de verdade.

Porque eles e elas si saben o que é un traballo de fin de grao (TFG), porque non necesitan buscar o seu traballo de fin de máster (TFM), lévano posto porque tiveron soños -ou pesadelos- con el. Porque si aplican a cultura do esforzo, e o seu verdadeiro proxecto de investigación é o da vida mesma; porque non hai tribunal máis intransixente que o que impón a realidade social duns tempos distópicos, que nos avalían día a día -e quero pensar que a todos e todas por igual-.

Non, o diñeiro e os amigos políticos non sempre o compran ou silencian todo; son unha minoría de inimigos da ética, moradores de cloacas. O mundo non ha de ser de quen gozan de aforamento, senón de valentes que saltan sen rede.

Queda aínda ilusión, dignidade e credibilidade nas persoas, na nosa sociedade civil. Dese fío de civismo e cidadanía hai que tirar, o hilván san que está no ADN de multitude de institucións, colectivos, organizacións e en todas as profesións.

Porque lonxe de relatos turbios e torticeros, de argumentarios memorizados sen respirar e ficcións opacas que xa ninguén se cre, a dignidade e a credibilidade non están nunha ou dúas liñas dun currículo customizado a tal fin: están nos ollos de quen nos escoita; e deben quedar impresas na alma de quen nos mira. Como un selo de calidade.

Sintamos vergoña, e se fai falta, sigamos saíndo á rúa. Non asinemos, nin afirmemos relatos falsos, aforismos ou medias verdades. Apliquemos rúbricas de democracia e civismo. Sometamos á nosa clase política a unha matriz de valoracións de desempeño e competencias. Por favor, non ofendan a intelixencia da cidadanía. Merecémonos que nos representen con máis sentidiño.

*Mar de Santiago é profesora do Departamento de Ciencia Política e Sociología da USC