Ante a provocación de Torra

OPINIÓN

19 may 2018 . Actualizado ás 08:33 h.

Os discursos de Torra que valeron para que o Parlament votase por maioría simple a súa candidatura a president da Generalitat foron unha deliberada provocación a todos os poderes do Estado, co recochineo engadido dunha concorrida rolda de prensa en Berlín ao alimón con Puigdemont, na que remachou as súas intencións programáticas nun fluído inglés.

Non houbo o menor disimulo de traballar polos seus obxectivos secesionistas aproveitando os recursos do poder autonómico. Deixando de lado outros xestos retadores de Torra, como pode reaccionarse ante esa provocación. Non foi bo comezo que na toma de posesión de Torra non teña estado a vicepresidenta do Goberno de España, que ten asumido transitoriamente o da Generalitat, nin tampouco é xustificable a ausencia de representacións do Parlament. Era un acto público, relativo a un cargo no que consta a firma publicada do rei. É razoable que Rajoy se entrevistou con Sánchez e Rivera como tamén que se amplíe o contacto a Podemos para coñecer cales son as súas posturas ante este problema político inédito, xa que ao Goberno corresponde a competencia de iniciar o procedemento ante o Senado e, en definitiva, asumir o acordo correspondente; é a súa responsabilidade, para o positivo e para o negativo. Condicionalo ao consenso poida que non sexa sempre o máis eficaz, como demostra a única experiencia que temos. Sen entrar en detalles, o acordado diferenciouse do solicitado en canto ao tempo de celebrar eleccións e de non afectar á televisión pública catalá, e doutra parte Cidadáns reclama agora unha aplicación máis ampla que a aceptada.

Xa posto, como parece que «quen chifle máis, capador» podería propor a suspensión do president antes de que se forme o govern e mesmo do parlament que apoiou iniciar un proxecto constituínte e recuperar as leis relativas ao referendo do 1-O, un mandato para Torra, e de desconexión de Cataluña para constituírse en república. A publicación do govern depende do Goberno de España, que pode atrasalo canto conveña ao interese xeral para permitir a urxente petición preceptiva ao Senado. A aplicación do alongado 155 cesaría cando o president fixese unha manifestación fidedigna de que cumprirá a Constitución. O proceso quedaba bloqueado: o president fora elixido en tempo e, xa que logo, non procederían novas eleccións.

O exposto non serve agora; pero vale para advertir sobre o que pode chegar a adoptarse, sen limitarse só a responder. De momento están fóra de lugar propostas para o encaixe de Cataluña nas que participei; destruíuse toda posibilidade. Sen reforma da Constitución poden limitarse consecuencias negativas de traspasos de competencias que alimentaron o contexto separatista catalán. E en todo caso, para endereitar o problema precísase revisar os erros cometidos e os relatos de como se chegou á situación actual.