Ler o último Semprún ante esta Europa

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

24 mares 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Coincide no tempo o último atentado no centro de Europa e a lectura do último libro de Jorge Semprún, no que se pode vivir o duro exercicio para sobrevivir de quen desde os campos de concentración, da guerra, a tortura e a resistencia venceron ao nazismo que destruíu Europa.

O martes activouse unha vez máis a ameaza terrorista do Estado Islámico en Bruxelas, executada antes en París e en Londres, Madrid, Noruega ou Nova York. Antes son as guerras do Golfo, coa invasión de Iraq, e a sombra sempre alongada da monarquía saudita e o seu islamismo sunnita enfrontado ao islamismo xiíta, paus ambos dunha mesma relixión. Entreverado con iso foron as primaveras árabes, desde Tunisia a Exipto e Siria, e as consecuencias posteriores de golpes de estado, guerras civís, destrución do Estado libio, inestabilidade no Sahel, e un continuo avance dos terroristas do EI neses países e na súa estratexia de captación e penetración nas comunidades migrantes en Europa.

A crise dos refuxiados, a crise de Oriente Próximo, o avance dos populismos en Europa tinguidos sempre de contidos dereitistas e xenófobos e promovidos por esa confluencia entre a crise económica e financeira, a sombra pos-soviética de Europa do Leste e os Balcáns e as súas guerras genocidas, as ameazas e atentados yihadistas, e o sempre mal resolto tema das migracións cun deficiente desenvolvemento da integración social, achégannos á crise europea dos anos trinta, sitúannos na actual desolación de Europa.

Algúns equivócanse arriando a bandeira da Europa que tantos quixemos construír, entregándoa en mans de quen nunca desexaron a liberdade e hoxe gobernan países de Europa ou avanzan en votos noutros. Alimentando outra vez todo aquilo que os homes e mulleres que derrotaron aos nazis desde os seus ideais de liberdade, as súas torturas ou a súa morte desexaron que desaparecese para sempre.

Semprún, como Jean Moulin, como Henri Fraser, como outros tantos por millóns, souberon que a tortura -a abominable soidade do sufrimento- e o silencio, soportaban a liberdade. Entenderon que era unha experiencia de fraternidad. Unha experiencia que lles ensinou que nunca será a vítima, por grande que teña sido o sufrimento, quen non atope o sitio no mundo, senón o verdugo. Os verdugos. Porque nestes días de dor e sufrimento polos atentados terroristas, que se une ao sufrimento polos refuxiados -manteñan sempre no seu recordo o mapa das súas rutas de fuxida- que escapan da guerra, a tortura e a dor, debemos lembrar que as batallas perdidas non sempre son inútiles. Porque sucedeu unha vez, conta Semprún: os sobreviventes de Europa, andrajosos e esfameados, tambaleantes, deportados en Buchenwald, lograron saír coas súas armas ata entón ocultas, camiño de Weimar, coa liberdade e a dignidade recobrada. Construíndo Europa, hoxe ferida e doída, tamén por nós.