Riscos para a saúde

OPINIÓN

31 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Estamos a entrar na época do medicamento personalizado. Aparecen mesmo novos conceptos como o de medicamento de precisión. Todo iso implica o recoñecemento da variabilidade das condicións, intrínsecas e extrínsecas, da xente -polos seus xenes, polo seu estilo de vida, pola súa contorna física e social, etcétera- e a súa repercusión na resposta a calquera modalidade de tratamento médico. Ata agora, o que se pode agardar dunha intervención médica ou dunha medida preventiva sostense sobre datos medios, o que sin duda ten a súa utilidade pero é moi impreciso ante un paciente concreto. Este estado de cousas pode cambiar en pouco tempo se se empezan a obter, analizar e interpretar grandes bases de datos persoais con todas as variables antes citadas.

O mesmo sucede cos riscos derivados da alimentación. Neste caso corrixido e aumentado (como con todo o que se refire a estilos de vida) porque o mesmo risco estatístico, mesmo «personalizado», é ponderado de xeito distinto por cada individuo en función tanto dos seus valores persoais como da situación de partida en que se atope.

Ao redor do risco medio estimado hai unha enorme variabilidade. Individuos xeneticamente predispostos a desenvolver unha enfermidade poden ver o seu risco multiplicado pola incidencia do ambiente. Pola contra, persoas cunha xenética diferente e, digamos, cun estilo de vida particularmente saudable, confrontan un risco menor fronte ao impacto dun factor específico (por exemplo, a carne vermella, que se puxo de moda).

A idade tamén importa, como é evidente. Pódense pór moitos máis exemplos e todo iso colmaría de matices calquera aseveración. Vivir -alimentarse e respirar- é de seu un factor de risco, de maneira que vivir máis anos complica as cousas. É bo que as organizacións sanitarias, nacionais e internacionais, informen de todos os perigos, ordenados, se se desexa, pola súa letalidade potencial. É mesmo desexable que leven a cabo políticas incentivadoras ou desincentivadoras para promover comportamentos saudables e dificultar os que non o son (o que ademais permitiría reducir a presión sobre os sistemas sanitarios). Pero non é conveniente que a información se dea fraccionada, porque se lle pode atribuír un peso desproporcionado á última noticia, sen que iso supoña ningún beneficio. O novo hai que pólo no contexto do que xa se sabe para que poida integrarse de xeito equilibrado na percepción da xente.