Ler, escoitar, debater

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

09 may 2014 . Actualizado ás 07:00 h.

Leo de novo a Mario Bunge, filósofo da ciencia: «O mito moderno é que as tecnoloxías da información vannos a salvar, que mellorarán a sociedade e salvarán a natureza, pero é un mito completo. Cun computador non se cultiva o trigo». Tampouco o mexillón, nin a uva, nin o piñeiro. Penso.

Mario Bunge, recordos dos oitenta, afirma: a historia é moito máis científica que a cosmología. A historia é a máis científica das ciencias sociais.

Hai uns días escoito, gozo, coa clase maxistral Galicia periférica? Hai espazo para unha política económica?, de Antón Costas Comesaña, galego activo e trasterrado, na Fundación Juana de Vega . Acode ao debate entre economistas e historiadores acerca dos determinantes da pobreza e a riqueza das nacións. Reivindica a industrialización e a industria tan mal tratada -por antiga?- nas políticas públicas dos últimos decenios, como evidencia mesmo a desaparición do Ministerio de Industria no ano 2000 do Goberno Aznar. Reivindica as boas historias, tamén galegas, industriais. Reivindica un futuro de alianza entre industria, coñecemento e emprego.

Ao fío diso encontro dous interrogantes ao redor da política de especialización intelixente de Galicia (RIS3) recentemente aprobada. Unha, seguindo a Mario Bunge: «Cun computador non se cultiva o trigo, aínda que convén que o tractor teña reguladores electrónicos, pero os grandes avances na agricultura hanse debido á xenética e a enxeñería». Por que se limita tanto a economía do coñecemento ás tecnoloxías da información (TIC) e ás tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) (nanotecnoloxía, biotecnoloxía industrial, ou materiais avanzados...)? Outra, da man de reflexións de Antón Costas: «A política pública debe de afrontar o problema da escasa dimensión das empresas galegas, moi inferior ao tamaño medio doutras economías». Aborda o RIS 3 esta realidade? Que explica o maior número de pequenas empresas na economía galega? Cal é a súa dificultade para crecer?

Leo tamén a dous galegos, un de nación e outro de nacemento, César Antonio Molina e Santos Juliá. As súas reflexións sobre cultura e intelectuais, sobre intelectuais e a realidade. Sobre a realidade e a política. As razóns banais que encerran as decisións. Os lobbies, e non só os económicos, que guían as políticas de Gobernos. A reflexión colectiva sobre o presente e a necesidade de futuro de homes e mulleres, de países, de nacións. Ou a súa ausencia. A ausencia dun esclarecedor e mesmo agre debate, promotor de futuros.

A ausencia de pensamentos abajofirmantes que consenten a poderes e poderosos escribir receitas de menciñeiro de prometidos efectos taumatúrgicos. Como aquelas analizadas e aldraxadas por José Carlos Díez, economista lúcido, e mesmo modestamente autocrítico.

Inevitable cando paramos en lecturas e debates: Jorge Semprún, A escritura e a vida. Por se Galicia e España existen, e algúns de nós con elas.