O Racing busca solucións ao veto imposto á súa afección polo Castela, coa mudanza ao campo 7 de Valdebebas

La Voz FERROL

OPA RACING

Xaime Ramallal

A escuadra verde repartirá as invitacións facilitadas polo club branco para paliar o traslado do partido do Di Stéfano, sen a posibilidade de adquirir entradas

12 sep 2025 . Actualizado á 17:45 h.

A grandes males, grandes remedios. Despois da polémica polo adiamento, avivada pola inexplicable fixación do duelo o mércores cando había acordo dos clubs para disputalo en novembro, o enfrontamento entre o Real Madrid Castela e o Racing Club Ferrol volvía este xoves ao candelero co anuncio do club branco de que o choque se celebrará o mércores (17.00 horas, LaLiga +) no campo 7 de Valdebebas e non no Di Stéfano como estaba previsto.

Unha mudanza que, a teor da falta de capacidade do campo, inhabilita a venda de localidades para a afección visitante por parte dos merengues, que se limitarán a despachar localidades gratuítas entre os seus socios para o partido fixado o mércores ás 17.00 horas.

Con dúas penas (a Pena Enxebre e a Naval do Xarama) con sede na capital, o Racing ía mobilizar inicialmente a máis dun centenar de persoas ao devandito encontro. Un apoio da marea verde minguado polo baile horario, en primeiro lugar, e polo traslado de campo e a supresión de venda de entradas, en segunda instancia. Deste xeito, o Racing aposta por facilitar as invitacións que o club branco pon á súa disposición a aqueles abonados que queiran acudir ao partido. As localidades, que se distribuirán ata esgotar existencias, poden solicitarse no teléfono 981 32 33 00 ou a través do correo electrónico info@racingclubferrol.net, segundo indican desde a escuadra verde.

A visita do Guadalaxara, o venres 26 ás 21.30 horas 

A Federación Española de Fútbol xa comunicou a data e a hora do partido correspondente á quinta xornada da liga. A visita do Guadalaxara á Malata desenvolverase o venres 26 de setembro ás 21.30 horas.