
Entre Ferrol e Narón concéntrase o 84,16% da masa social total do club, que na campaña 2024-2025 acadou os 9.360 abonados
08 jun 2025 . Actualizado á 16:28 h.A finais do mes de xuño, segundo adiantou o presidente do Racing Club Ferrol Manuel Ansede, a fragata verde sacará o termómetro para medir os niveis de racingmanía tras o descenso e arrincará a campaña de abonados para a tempada 2025-2026. Este é un dos grandes cabalos de batalla do cadro naval no seu regreso á Primeira Federación.
E é que na Malata non marchan sen carga do fútbol profesional. Á compra dos terreos da futura cidade deportiva ou as melloras acometidas no estadio hai que engadirlle o haber paladeado os meles de alzarse cun subcampeonato de inverno en Segundo ou superar, con fartura, a marca histórica de abonados nos case 106 anos de historia do club, cun total de 9.360.
as cifras
De marea a tsunami verde

A derrota fronte ao Nàstic en Balaídos no play off de ascenso a Segundo da campaña 2021-2022 marcou un antes e un despois no seo do racinguismo. A marea verde, tras anos de ansiedade futbolística, volveu a reconectar cun vestiario que, xa o curso seguinte e despois dunha mala serie de resultados, acabou por engraxar a maquinaria para facer unha segunda volta de xeito extraordinario, que acabou co regreso do Racing ao fútbol profesional tras quince anos de ausencia. Os últimos partidos, incluíndo o xa histórico broche fronte á Celta Fortuna, converteron A Malata nun fortín e a marea verde transformouse en todo un tsunami.
O notable aumento de afluencia ao estadio no último tramo da campaña 2022-2023 ratificouse cos 8.613 abonados cos que o club pechou o período de captación do curso 2023-2024. Tempada na que o Racing logrou selar tamén o fito de manterse máis dun ano sen caer como local na competición ligueira. Xa na 2024-2025 o cadro naval superou todas as expectativas, coa cifra de 9.360 persoas asociadas.
o perfil
Zume novo

A decisión do club ferrolán de non elevar en demasía os prezos dos abonos pese ao ascenso de categoría e o alcanzable do custo para os seguidores menores de idade desembocou no rexuvenecemento da masa social. Segundo datos facilitados polo club, el 42% dos socios foron menores de 30 anos nas dúas campañas que o Racing militou en Segunda División. Un zume novo que alagou cada recuncho da cabeceira de comarca de camisetas e produtos oficiais do club, con longas colas na tenda oficial do Racing en cada novo lanzamento de material.

A nivel cualitativo tamén destaca que as mulleres cobran cada vez máis peso no global da masa social, constituíndo o 28% do total dos abonados nas dúas últimas tempadas.
a distribución
Fene, en terceira posición

Pero, como se distribúe o sentimento racinguista ao longo e ancho de Ferrolterra? Segundo os datos que achega o club, o groso da masa social localízase na cabeceira de comarca. Isto é, 6.135 abonados residen en Ferrol. Cifra que supón xa un 65, 54% do total de asociados da escuadra verde. A poboación total da urbe naval, segundo os últimos datos do INE, sitúase en 64.218 habitantes e un 9,55% son actualmente abonados do equipo da cidade.
En segunda posición, tal e como era de agardar atendendo os niveis de poboación, atópanse os racinguistas con residencia en Narón. O Racing indica que un total de 1.752 abonados están empadroados na localidad. Deste xeito, entre Ferrol e Narón aglutinan o 84, 16% da masa social do club na actualidade. O terceiro lugar no podio ocúpao Fene con 264 abonados. A distribución xeográfica, segundo os datos achegados polo club, é a seguinte no resto de localidades da comarca: Valdoviño (149), Ares (121), Neda (96), Mugardos (60), San Sadurniño (35), Cabanas (26), Pontedeume (21), As Pontes (19), Cedeira (17), Cariño (13), Ortigueira (8), Moeche (5) e Monfero (3).
a particularidade
636 socios de fóra

En total, os abonados da comarca de Ferrolterra sitúanse en 8.724. Isto é, el 93,20% das persoas asociadas ao club pertencen á área de Ferrolterra. No entanto, os tentáculos do racinguismo son alongados e, segundo os datos facilitados polo club, 636 racinguistas residen actualmente máis aló dos límites da comarca. Así se debuxa actualmente o mapa do sentimento racinguista e toca agora ao club tomar as rendas e trazar unha boa campaña para evitar que a perda de categoría derive nun éxodo masivo de socios para o reto de Primeira RFEF.
A masa social:
42%
Menores de 30
O perfil mozo garante o recambio xeracional nas bancadas.
28%
Mulleres
O número de mulleres abonadas tamén experimentou un notable aumento.
9.360 socios
Total
O 93,20% das persoas abonadas reside na área de Ferrolterra.
Fonte: Racing Club Ferrol
Dúas penas en Narón e dúas en Madrid ratifican a expansión

O aumento do músculo social do racinguismo traduciuse tamén nun aumento das actividades paralelas á práctica do balompé en si mesmo. Aos desprazamentos masivos sumáronse, especialmente no peche do curso do ascenso e na campaña 2023-2024, as previas organizadas en distintos puntos da cidade polas penas.
Agrupacións de seguidores que non deixaron tampouco de crecer desde o regreso do Racing ao fútbol profesional. Con dúas penas asentadas na Comunidad de Madrid —a pioneira Peña Castiza e a recentemente creada A Naval do Xarama —, o Racing pode presumir de que a súa afección goza xa de pedigrí de club de primeiro nivel.
Ademais, nas dúas últimas tempadas, xurdiron tamén dúas novas agrupacións de seguidores con sede en Narón. La Peña Entrecastillos e a de 300 ferroláns son a proba fidedigna de que o Racing é o club referente da comarca.
Aumento exponencial
Así, ás clásicas Baamonde (1999), Morandeira (2000) e Marea Verde (2000) sumábase a Pena San Xoán no ano 2013. Habería que agardar case unha década para que, xa no 2022, o racinguismo volvese organizarse. La Peña D'Tapas, a Enxebre, Soño Verde ou Entrecastillos prenderon a mecha do rexurdir do racinguismo e finalmente O Pau do Galiñeiro e 300 Ferroláns convertéronse no ano 2024 na constatación do novo fenómeno social. Haberá que constatar agora se o nutrido número de penas e peñistas non se dilúe co descenso.
Os ingresos por abonados e despacho de billetes, un belisco para ter presente nas contas
Pero, máis aló de que o fútbol é fútbol e moito máis, este crecemento da masa social do Racing nas dúas últimas campañas traduciuse tamén nun aumento dos ingresos neste apartado para a propiedade do club.
Así se evidencia nas últimas contas publicadas polo club e relativas á campaña 2023-2024. Deste xeito, a escuadra verde ingresou a pasada tempada 704.168,53 euros en concepto de abonados mentres que o importe no curso 2022-2023 foi de 320.607, 89. Isto supón un incremento de 383.560,64 euros unicamente en materia de asociados. Un importe que será necesariamente superior no relativo á campaña 2024-2025, en tanto houbo un aumento de 747 asociados e produciuse tamén unha lixeira subida no prezo dos abonos.
O contrapunto atopouse, por contra, nos ingresos de despacho de billetes. Cabe lembrar que como premio á gran resposta do racinguismo a propiedade non esgotou os días do club dispostos ao comezo da campaña 2023-2024. Deste xeito, segundo as contas do club, os ingresos derivados da venda de entradas situouse en 279.799,17 fronte aos 303.573,99 do curso do ascenso. Cifras sustentadas no empuxón de asistencia que se rexistrou na segunda volta na Malata, con importante venda de entradas a persoas non socias que, finalmente e a teor do ascenso, acabarían por abonarse na campaña 23-24.
Neste sentido, a teor da caída da afluencia ao estadio da Malata propiciada polo desastre de resultados do equipo na xa pechada campaña 2024-2025, a contía ingresada polo club no que a venda de billetes refírese será sensiblemente inferior á rexistrada nos dous últimos cursos.
O reto que vén
En decembro do ano 2022, co equipo asentado en Primeira Federación á falta de dous partidos da primeira volta e toda a segundo, o Racing contaba con 3.515 abonados. Ante a notable caída orzamentaria en materia de dereitos televisivos tras o descenso, o club enfróntase agora ao reto de tratar de reter á maior masa social para que a diminución de ingresos non sexa tamén altamente sensible nunha parcela na que este curso deron un salto co lanzamento do abono dixital.