O xesto de Chiki Borrego, tras a súa asistencia invalidada, prende a polémica entre o racinguismo

E. Barreira FERROL

OPA RACING

JOSE PARDO

O madrileño, que non conseguiu estrearse como goleador este curso, acalou á bancada de Fondo Sur nun partido ao que só acudiron 2.837 persoas

06 may 2025 . Actualizado á 18:28 h.

Saltou ao terreo de xogo no minuto 46 do partido do Racing Club Ferrol fronte ao Zaragoza na Malata e só un minuto despois servía un centro Chiki Borrego a Álvaro Giménez, que enviaba o esférico ao interior da rede. Un tanto que supuña o empate para os de Menéndez e que finalmente quedou anulado por unha dubidosa falta do dianteiro ferrolán sobre Jair. No entanto, máis aló do malestar derivado da decisión adoptada polo colexiado, o enfado da marea verde vén tamén motivada pola actitude do propio futbolista local que, antes de coñecer que o seu pase de gol fora invalidado, fixo ostensibles xestos dirixidos á afección racinguista situada en Fondo Sur, que prenderon a polémica nun partido que tan só mobilizou a 2.837 persoas.

Os seus números

Chiki Borrego, que recalou no mercado estival para reforzar a ofensiva da fragata verde, acumula 1.089 minutos xogados na liga, cunha bagaxe de cero goles e cero asistencias.

Titular en só nove partidos, foi probado como extremo esquerdo no arranque do campionato antes da chegada de Bebé e tamén ocupou a demarcación de mediapunta. O rendemento do atacante madrileño, que sela o seu segundo descenso consecutivo tras caer o pasado curso co Alcorcón, estivo, do mesmo xeito que o de boa parte do persoal, por baixo do desexado e a súa frustración acalando as apreciacións auditivas que lle chegaban desde a bancada non só non axuda a rexenerar a fenda que se foi abrindo entre vestiario e afección, senón que a acrecenta e embaza un partido no que, aínda que o Racing non gañou, polo menos púxolle garra.