O Obra súa ata o último segundo para conquistar a Copa Galicia

ANDAR MIUDIÑO

Emilio Moldes

Remontou ante o Breogán oito puntos no último cuarto

26 sep 2017 . Actualizado ás 15:54 h.

O Obradoiro, coa baixa de última hora de Radovic por unhas molestias físicas, conquistou a súa oitava Copa Galicia consecutiva, 75-71, ante o Breogán, nunha final na que tivo que suar e porfiar ata o último segundo, esixido por un Breogán moi compacto. A primeira metade resulto máis rifada e igualada que vistosa. O conxunto compostelán atopouse cun rival moi serio que non lle deixou sentirse cómodo en ningún momento,  amparado nunha moi boa actividade defensiva, especialmente sobre os lanzadores. Tan é así que no os dez minutos iniciais, salvo un triplo de Thomas, todos os puntos santiagueses levaron a firma dos pivotes.

Os lucenses talvez pagaron esa atención á columna exterior, unha circunstancia que corrixiron no segundo cuarto. Pero entón, aínda que sen continuidade, asomaron os triplos do Obradoiro, dous de Simons e dous de Corbacho. O colectivo de Moncho Fernández foise ao descanso cunha renda favorable de dous puntos, aínda que no partido das sensacións pintaba mellor para un Breogán que xogou con máis continuidade e moito apromo para buscar a mellor opción de tiro, xa fose dentro ou fóra, sen precipitarse, sabendo buscar as gretas na defensa do Obra. A parella de catros que forman Demetrio e o recentemente chegado Cigoja promete . Polo menos en Marín deixaron o selo de xogadores que coñecen o oficio e poden facer dano de diferentes xeitos. E con Salva Arco na pista, sempre haberá unha ameaza a pouco que atope a inspiración. Adoita ser o caso cada vez que se mide ao Obradoiro.

De volta dos vestiarios, o choque seguiu polo mesmo canle, a pesar de que un par de triplos seguidos de Thomas parecían pór ao colectivo de Moncho Fernández en mellor disposición. Foi unha miraxe, porque o Breogán non se inmutou e pechou o terceiro cuarto cun parcial 0-9 que o puña oito arriba grazas á súa enerxía, que fixo moitos estragos para conseguir segundas opcións. Nin Sabat nin Pozas remataban de pórlle ao partido a marcha que mellor lle conviña ao Obradoiro e Moncho Fernández optou por pór o temón en man de David Navarro para afrontar o último cuarto.

Mellorou o nivel defensivo, que ata ese momento fora moi baixo, e por aí empezou a fraguar a remontada, con Llovet asumindo galóns e protagonismo. O seu traballo debaixo dos dous aros resultou impagable. O Breogán perdeu fluidez e quedou sen esas segundas opcións que tantos réditos lle reportaron. E cando o partido se puxo máis incerto, Thomas reapareceu cun par de triplos que relanzaron ao Obradoiro. Empatou o partido a 69 a falta de dous minutos. Os lucenses pagaron tamén neste último cuarto a súa mala tarde nos tiros libres. Nos ataques finais só puido anotar por mediación de Uriz, nunha acción individual. E a falta de quince segundos, despois de que Llovet puxese o 73-71 tras unha falta persoal, os lucenses perderon o balón no saque de banda e Bendzius certificou a vitoria.