Adeus a Antonio López Vila, que foi secretario municipal en Muras, en Cabanas e en Xermade: «unha persoa con valores e con principios»
![Xosé María Palacios Muruais](https://img.lavdg.com/sc/naLh3t1e09ninOGiWIwQJcki18g=/75x75/perfiles/51/1417020467281_thumb.jpg)
OBITUARIOS
![Antonio López fue secretario municipal en Muras en dos etapas](https://img.lavdg.com/sc/q5Qm4YJEYC5ap8HjaIqO9CGqL_M=/480x/2025/02/07/00121738942202985977764/Foto/L25F4067.jpg)
O rexedor murense e o xermadés destacan a súa capacidade profesional e a súa integridade no traballo
07 feb 2025 . Actualizado á 20:01 h.Antonio López Vila, que foi secretario municipal en Muras, en Cabanas e en Xermade, será enterrado este sábado na parroquia xermadesa de Cabreiros, de onde é a súa muller. Tiña 75 anos e era natural de Lalín, pero chegou ao municipio murense hai décadas polo seu destino profesional. Logo trasladouse a Cabanas, aínda que a súa relación profesional coa comarca chairega non se interrompeu: estando nese concello coruñés, desempeñou tamén, nalgúns momentos, a praza de secretario en Muras e en Xermade.
Esa longa traxectoria permitiu coincidir no seu traballo con alcaldes de diferentes partidos. En Muras, por exemplo, foi secretario con José López Soto (PSOE) e con Issam Alnagm (PP) na alcaldía antes de trasladarse a Cabanas, e despois coincidiu co actual, Manuel Requeijo (BNG). O mesmo ocorreu en Xermade. onde a súa etapa como secretario coincidiu con Tomás Rodríguez (PP) e con Roberto García (PSOE), actual presidente da corporación.
Tanto o rexedor de Muras como o de Xermade referíronse este venres a Antonio López Vila destacando a súa valía persoal e profesional. Para Requeijo, tratábase de alguén «con valores e con principios». Para García, era «serio, profesional e boa persoa» e alguén en quen se podía confiar. Antonio López Vila vivía nAs Pontes, pero conservaba relación con Xermade e con Muras: de feito, o alcalde xermadés lembrou que visitara a casa do concello hai poucas semanas. Tamén o viu hai pouco tempo o tenente de alcalde de Xermade José Prieto, que lembrou que Antonio López Vila, baixo unha aparencia moi seria, era unha persoa afable e cordial.
Estaba casado e tiña dous fillos e unha filla. A súa filla, Elena López Seco, é concelleira socialista nAs Pontes e forma parte do goberno que preside Valentín González Formoso. Os seus restos mortais vélanse no tanatorio pontés, de onde saen ás cinco da tarde deste sábado cara a Cabreiros, onde se celebra o enterro.