Mulleres traballadoras no mar: impulsoras da innovación azul
MERCADOS

Cada 18 de maio celébrase o Día Internacional das Mulleres no Mar, promovido pola Organización Marítima Internacional (OMI). É unha oportunidade para recoñecer a débeda histórica de Galicia, e moitos outros lugares, coas mulleres que traballaron e coidaron silenciosamente o mar, tamén para reflexionar sobre o presente e futuro das profesionais que poden e deben romper estereotipos no sector marítimo.
Aínda que é posible que en poucos anos as novas xeracións esquecesen ás mariscadoras, a miña xeración lémbraas como unha parte esencial de Galicia, un símbolo de tenacidade e esforzo. As traballadoras do mar, deron paso a un grupo máis heteroxéneo en termos de xénero, o cal supón tamén un camiño cara á igualdade. As mariscadoras formaron parte da ría como recolectoras a pé. Máis do 95 % desta actividade tradicional era realizada por mulleres ata a regulación dos anos 60, que introduciu cotas e mecanismos de modernización que protexeron os recursos mariños, á vez que foron incorporando aos homes a este sector.
Segundo o informe Advancing towards gender equality in fisheries and aquaculture da FAO, no 2022 as mulleres representaban o 28 % da man de obra no subsector de acuicultura, o 18 % na pesca de captura e ata un 62 % no procesamiento de produtos pesqueiros. Hoxe, as mulleres acceden a ocupacións cualificadas: enxeñeiras navais, oficiais de ponte, inspectoras de calidade, xestoras portuarias ou investigadoras mariñas. A enquisa Women in Maritime 2024 da OMI e WISTA (Asociación Internacional de Mujeres no Transporte Marítimo e o Comercio) revela que, aínda que só o 1 % da tripulación global en alto mar é feminina, xa supoñen o 19 % do persoal das autoridades marítimas nacionais e o 16 % no sector privado en terra. Ao mesmo tempo, emerxen sectores con crecente presenza de mulleres, como os servizos de descarbonización, cumprimento ESG e formación marítima, onde as súas achegas impulsan a innovación e a sustentabilidade.
O reto inmediato é aproveitar este impulso para consolidar carreiras e liderados: mentorías, bolsas técnicas e políticas de cotas en mandos intermedios e xuntas directivas son medidas urxentes. Segundo a propia OMI, «debemos redobrar esforzos para fomentar un sector marítimo verdadeiramente diverso e inclusivo». Na mesma liña, a FAO recomenda integrar a perspectiva de xénero en todas as políticas de pesca e acuicultura, garantindo o acceso igualitario a créditos, tecnoloxías e infraestrutura portuaria. Exemplo é o de Ragnhild Jesica Bjella (publicado no 2018 en The Fish Site); mergulladora comercial e traballadora na industria do salmón en Noruega, quen, a pesar de compartir lugar de traballo coas quenllas en máis dunha ocasión, segue airosa desempeñando tarefas técnicas no mar, nese espazo que agora atopan as mulleres en sectores tradicionalmente masculinos. Sirva a conmemoración do Día Internacional das Mulleres no Mar para honrar ás mariscadoras de Galicia —legado vivo desde hai séculos—, para impulsar a visión global do traballo no mar, onde a igualdade sexa fonte de prosperidade e resiliencia oceánica, así como para forxar un sector no que mulleres e homes compartan por igual responsabilidades e oportunidades.