
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia presenta unha tecnoloxía que impactará positivamente nas fábricas, en ámbitos tan diversos como a agroalimentación, a mobilidade, a enerxía ou a loxística
01 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os procesos produtivos son cada vez máis complexos e dependen máis de tecnoloxías que permiten facer fábricas máis eficientes. Niso traballa o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), que presentou o seu Xemelgo Dixital en Advanced Factorie, un evento de referencia en automatización industrial e dixitalización. Esta tecnoloxía permite monitorar a cadea de valor en tempo real e facilita a toma de decisións con apoio de intelixencia artificial, sen necesidade de intervir directamente. Explícao Iria Galiñanes (Cambados, 1985), Smart Manufacturing Leader de CTAG, que defende o seu papel estratéxico como ferramenta clave para acelerar a implantación da intelixencia artificial na industria europea.
—Que posición ocupa Galicia no ámbito europeo da automatización industrial?
—Estamos nunha posición relevante; centros como CTAG, xunto con universidades, clústers e empresas tractoras están a impulsar un ecosistema tecnolóxico innovador e competitivo.
—Que valor engadido ofrece o seu xemelgo dixital a esta contorna?
—A grande achega está na súa aplicabilidade directa en contornas industriais reais, mellorando a eficiencia e reducindo custos e tempos de desenvolvemento. Ademais, traballamos sobre un modelo dixital híbrido que conecta física, datos e intelixencia. Neste sentido, cremos firmemente que a combinación de Xemelgo Dixital e AI Xenerativa pode revolucionar a forma en que operan as organizacións.
—Como valora o sector estas novas ferramentas?
—Son tecnoloxías que, en xeral, espertan un grande interese porque teñen a súa aplicación non só a nivel industrial senón tamén na cidadanía.
—Que oportunidades abre esta transversalidade?
— É unha das súas principais fortalezas. Permite facilitar a implantación de tecnoloxías avanzadas en ámbitos tan diversos como a agroalimentación, a mobilidade, a enerxía ou a loxística en tempo real. A xestión enerxética dun edificio, a organización do tráfico ou o control de humidade son casos que se poden aplicar e estender a calquera sector.
—Que papel xoga CTAG na fabricación intelixente?
—Europa ten o reto e a oportunidade de liderar unha fabricación máis sostible, resiliente e personalizada. O xemelgo dixital é clave para acelerar a implantación da intelixencia artificial na industria.
—Como favorece o traballo en común de diferentes países?
—Traballar con expertos de distintos sectores e países achéganos novas perspectivas, casos de uso diversos e estándares comúns; é clave para avanzar de forma cohesionada e rápida.
—Como se xestiona o cambio cultural dentro das fábricas ao introducir novas tecnoloxías?
A xestión do cambio é tan importante como a tecnoloxía en si. Trátase de involucrar aos diferentes departamentos, crear confianza na tecnoloxía é clave para que a súa adopción sexa exitosa.
—Que tecnoloxías emerxentes serán máis disruptivas no sector nos próximos anos?
—Ademais dos xemelgos dixitais e a intelixencia artificial explicable, destacan a computación cuántica aplicada á optimización industrial, o edge computing para o tratamento local de datos en planta, a robótica colaborativa avanzada e a integración de blockchain que permita realizar o seguimento do ciclo de vida dun produto. Todas elas están a marcar xa unha evolución importante en como se concibe e executa a produción.
—Que retos técnicos atópanse ao implementar solucións de Industria 4.0?
-—Os principais retos están na integración de sistemas heteroxéneos, a xestión de grandes volumes de datos en tempo real e a necesidade de asegurar a ciberseguridade en contornas altamente conectadas.
—Ve avances na incorporación de perfís femininos neste sector máis masculinizado?
—Si, claramente hai avances, tanto na visibilidade como na presenza de mulleres en áreas técnicas e de liderado. Aínda queda camiño por percorrer, pero cada vez hai máis referentes femininos en tecnoloxía e industria.