As ás dos avións de Tui empezan a remontar o voo

MERCADOS

M.MORALEJO

Utingal é unha empresa de compoñentes de aeronáutica e automoción que ten como socio capitalista ao presidente do Real Club Celta , Carlos Mouriño. Está a contratar a enxeñeiros e agarda recuperarse da fochanca

09 may 2021 . Actualizado ás 21:12 h.

Voamos grazas a eles. O director de Utingal, Jesús González López, mostra as ás dun modelo de avión que fabrica a empresa en Tui . Esta compaña de aeronáutica tamén se dedica a fabricar compoñentes para a automoción. «Empezamos catro mozos» di humildemente este empresario de Couso (Gondomar) mentres sostén nas súas mans unha das ás dun Embraer 190 que ten 8 metros de longo pero é ligerísima. Está prohibido fotografala para que non copien o deseño.

Utingal empezou no ano 2000 no Porriño nun taller de 300 metros cadrados A nave onde se asintan construíuse no ano 2000 peros os empresarios adquirírona no 2015. e hoxe ocupan 4.000 metros cadrados no polígono de Areas, en Tui. A factoría traballa para grandes grupos multinacionais aeronáuticos como Airbus, Boeing ou Embraer ou Coasa de Ourense e da automoción como Volkswagen, Magna ou GKN. Para as empresas de aviación realizan compoñentes moi diversos, desde as ás ás carcasas dos motores. Para o xigante automobilístico alemán fabrican o utillaje para soldaduras. Toda a tecnoloxía para a soldadura que levan a cabo os robots está deseñada polo cliente e mecanízase en Tui.

A empresa ten 54 empregados e «este ano contratamos a dúas persoas máis. Temos tamén xente en prácticas da universidade e imos fichar a unha ou dúas persoas máis. Os perfís que solicitamos son de titulados medios e superiores de formación profesional en mecánica e electrónica. Tamén contratamos enxeñeiros técnicos e aeronáuticos. O persoal conta con 12 enxeñeiros e o resto son técnicos e algúns licenciados en Económicas e en Informática. 

Tras unha forte caída o ano pasado, polas restricións de voos e a falta de pedidos, Jesús González López recoñece que tiña mellores expectativas sobre a recuperación da economía este anos. González López, como tantos empresarios, está pendente da repartición de fondos europeos e quere que haxa regras claras sobre como se van repartir eses fondos por parte do Goberno porque hai moitos proxectos e actividades que están parados á espera de saber se se vai poder contar con diñeiro suficiente para levalos a cabo. Jesús González López di que o diñeiro vai vir de golpe e entón as grandes corporacións e organismos van ter que xestionalo para contratar a outras empresas.

Jesús González López destaca a calidade do capital humano co que conta. «A nosa xente require moito tempo de formación. Son o máis valioso. Todos temos que reter o talento para que non se marche a outras empresas ou ao estranxeiro. Ás pemes cústanos moito formar á xente. O coñecemento transmítese uns a outros». Grazas a este know how, este saber facer, a empresa resulta tremendamente competitiva . Non o sería tanto por localización. «Logísticamente estamos moi mal situados respecto de Madrid ou a Sevilla onde están os grandes polos da aeronáutica», relata. A pesar da súa situación periférica na Península, Utingal gañou contratos para helicópteros de Airbus. «Gañamos unha liña de montaxe un sistema automatizado de cola para o H-160 e o H-175, dous novos helicópteros que van comezar a producirse nos próximos meses. A cola móntase en Albacete pero toda a ensamblaxe da aeronave farase en Francia ou Alemaña. A cola pesa 700 quilos e a máquina que se deseña en Utingal permite traballar en toda a cola dun xeito óptima. «Quixemos facer a mellor máquina para traballar a cola dun helicóptero. O proxecto empezou en 2019. Estamos coa cuarta unidade e imos realizar a quinta». A empresa exporta por agora a Portugal , Francia, República Checa, Marrocos, Estados Unidos e Abu Dabi.

M.MORALEJO

«En automoción temos proxectos co grupo Audi-Volkswagen»

 

L.C. Llera

Jesús González López (Couso, Gondomar 1966) fixo mestría industrial no colexio fogar dos Salesianos en Vigo e logo estudos de informática e administración A súa adolescencia foi dura porque cando tiña 15 anos sufriu un accidente de tráfico grave e tivéronlle que operar tres veces dun brazo. Perdeu a mobilidade parcialmente. Pero iso non foi ningún obstáculo para a súa prolífica carreira profesional. No mundo coñéceno como Jesús López.

-Como está a ir este ano?

«Pedíronnos moitos presupostos pero están a retardarse os pedidos. É fundamental que haxa mobilidade e que a vacinación sexa efectiva.

-Que expectativas ten para o ano que vén?

--Son boas, se todo vai ben coas vacinacións agardamos recuperar case o nivel conseguido no 2019, aínda que talvez haxa unha diminución entre un 10 e un 20 % respecto dese ano. No 2019 chegamos a 4,8 millóns e no 2020 a facturación baixou a 4,6.

-Como son as súas instalacións?

-Ocupamos 4.000 metros. Na planta baixa de taller no que traballa en 35 persoas e unha superior na que están 19 enxeñeiros técnicos e persoal de administración e economistas. A nave está dividida nunha zona para automoción e outra para pezas avionables para diferentes empresas.

-Cales son os próximos proxectos en automoción?

-Con Audi e Volkswagen rematamos un proxecto en febreiro para a fábrica de Barcelona e en decembro faremos outro.