Calquera tempo pasado foi mellor... para estar á moda

Laura Placer Breijo
Laura Pracer REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

Cada vez máis mercados imprégnanse da tendencia retro que gaña adeptos ano tras ano. A volta á calma do pasado, lonxe das présas do século XXI, é un dos factores detrás deste fenómeno de masas

15 jul 2019 . Actualizado ás 10:20 h.

Non, non se preocupe. Se chega a casa dun amigo e atópallo escoitando un vinilo de Queen no seu tocadiscos mentres revisa un álbum de fotografías instantáneas, non é que se subiu sen darse conta a un Delorean e teña retrocedido varias décadas no tempo, trátase do bum da moda vintage que está a vivir a súa eclosión en pleno 2019.

O auxe do «faino ti mesmo» transcendeu a moitos ámbitos e, unido á maior concienciación sobre o medio ambiente e a reciclaxe, removeu máis dun trasteiro en busca de tesouros do pasado. Para Carmen Porteiro, fotógrafa e doctoranda en Comunicación, esta moda funciona porque «sempre hai unha procura do pasado», especialmente na actualidade, onde a «instantaneidad e as présas que nos impoñen, por exemplo, as redes sociais, provoca que a xente busque respostas máis pensadas afastándose das tecnoloxías».

Música

A febre do vinilo estalou e xa non hai tenda de música que se resista a ter o seu recuncho (ou gran sección) deste formato. Segundo Promusicae, en España no 2018 xa había máis xente comprando vinilos que descargando cancións dixitais. Boa proba diso dáa Francisco Javier Pastoriza, socio da tenda viguesa de tocadiscos e amplificadores Loudness, que confirma esta tendencia e asegura que as vendas de aparellos creceron «moitísimo». Aínda que cre que o vinilo «nunca morreu do todo», afirma que agora xa non é algo reservado «só para frikis» e que moita xente está descubrindo este proceso «máis lento de gozar dun disco enteiro e non consumir a música a través de singles». Pastoriza engade que os tocadiscos «dan unha calidade en alta definición que non conseguen algúns amplificadores dixitais». 

Moda

Talvez un dos campos onde máis se asentou esta tendencia. A web de reventa de roupa ThredUp calcula que nos próximos cinco anos duplicaranse os beneficios do negocio, que cifran agora mesmo en 24 billóns de dólares. Ademais das antigüidades que se poden atopar en tendas de segunda man, o estilo vintage volveu con novas creacións. Marcas que outrora eran unha elección máis para colmar roupeiros, agora son insignias da moda. Entre estes afortunados podemos atopar firmas deportivas clásicas como Fila, Umbro e Champion, aínda que outras moitas con menos soleira tamén aproveitan o tirón desta moda con deseños propios dos 80. 

Videoxogos

Nun momento no que cada vez os personaxes virtuais son máis realistas e o consumidor é máis esixente en canto á calidade gráfica dos videoxogos, nada podía augurar que o retro volvese aos nosos fogares, pero tamén o fixo. Nos últimos anos, polas tendas de consolas desfilaron con gran éxito reedicións de clásicos dos fogares españois como a Nintendo Super NES, a Atari Flashback e Ségaa Megadrive. Pero non fai falta botar moito a vista atrás para ver outra demanda do, esta vez, non tan retro. Por falta de actualizacións de software, moitos usuarios de móbiles, cuxa obsolescencia é moi rápida, buscan primeiras versións dos seus xogos ou aplicacións favoritas que aínda soporten os seus dispositivos en páxinas especializadas como Uptodown, con base en Málaga.

Fotografía

A gran expansión dos móbiles intelixentes con sofisticadas cámaras incorporadas supuxo un cambio de modelo no mundo da fotografía. A pesar de que cada vez máis xente porta só o seu smartphone e deixa a cámara dixital en casa, nos últimos anos ha renacido o mundo da fotografía analóxica, especialmente entre os máis jovenes. Miguel Cancio, encargado da tenda de fotografía Josbe en Lugo, xa aprecia este cambio de tendencia. «Fai catro anos case toda da xente que revelaba carretes na tenda eran persoas que nunca se pasaron ao dixital e agora case o 40 % son novos que están a empezar coa fotografía analóxica», comenta alegre de que «nenos de 10 anos que non sabían o que era un carrete agora están a aprender o que viron os seus pais e avós. Parécelles maxia». Para Cancio, esta moda vén para quedar porque a xente está a volver a valorar as fotografías físicas. «Antes os nosos bisavós non tiñan fotos por falta de medios e agora non as imos a ter por exceso de medios. Tendo tantas imaxes na nube, ou es moi metódico, ou é moi doado perdelas ou esquecerse de que están aí», engade. 

Estilo de vida

A mobilidade tamén se viu afectada por esta tendencia nos últimos anos. Como recoñece Joao Assuncao, responsable da tenda coruñesa de restauración e venda de bicicletas retro BiciVintage, «desde fai tres anos nótase moito o bum». Para el, o éxito desta corrente é multifactorial. «A crise inflúe moito na forma de transporte e moita xente recicla bicicletas que pertencían aos seus pais ou avós, o que tamén lle engade un toque sentimental», afirma. O xerente cre que o deseño é un valor cada vez máis importante para os compradores, polo que o triunfo deste tipo de vehículos «nace da fusión da vertente decorativa e a de mobilidade». Aínda que moitos falan de moda pasaxeira, Assuncao confía en que non vaia a decaer, pero para iso ten que haber nas cidades unha mellora das infraestruturas. «Se hai máis carrís ou máis aparcadoiros para bicicletas vai crecer a venda, e comprar unha de estilo retro achega un valor engadido porque che permite diferenciarche do resto», conclúe.