Millonario cobrando 1,40 dólares

MERCADOS

MIKE BLAKE

14 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Levaba catro anos sen cobrar un duro no traballo. E no 2018 recibiu por fin un soldo. De 1,40 dólares. Como o len. Pero non se apenen. Porque non falamos dun traballador calquera. Senón de Jack Dorsey (St. Louis, Misouri, 1976), o fundador e conselleiro delegado de Twitter. Así que non perdan o soño. Por se lles serve, Forbes calcúlalle unha fortuna de máis de 5.000 millóns de dólares.

É a forma que ten o tatuado emprendedor de deixarlle claro a todo o mundo o seu «compromiso coa firma» e a súa «fe no potencial de creación de valor a longo prazo de Twitter», segundo as súas propias palabras. E a cifra que elixiu para as súas pírricos emolumentos non é froito do azar. Por se non caeron na conta, os números coinciden cos 140 caracteres que limitaban orixinalmente as mensaxes de Twitter. Ese era o tope que tiñan as mensaxes de texto dos móbiles cando se iniciou o servizo no 2006, antes de que os teléfonos intelixentes se convertesen en reis e señores da Terra. Aínda que esa cifra xa cambiou. Desde o 2017 a compaña con sede en San Francisco xa permite chíos de 280 caracteres.

E tampouco perdan de vista que Dorsey dorme sobre un bo colchón ... financeiro (seguro que tamén do outro tipo). Só o seu algo máis do 2 % de Twitter vale máis de 500 millóns de dólares. A iso hai que sumar o que ten na empresa de pagamentos electrónicos Square, da que tamén é cofundador e director executivo.

Pero non se crean que todo o monte é orégano. Porque aínda que Dorsey teña decidido pórse un soldo testemuñal, non ocorre o mesmo co resto dos membros do seu equipo directivo. Normal. E para mostra, un botón: o director financeiro, Ned Segal, cobrou o ano pasado medio millón de dólares, ao que habería que sumar outros 4,4 millóns en accións e 6.000 dólares máis para o seu plan de pensións.

Aínda que iso si, non é o conselleiro delegado do paxariño o único entre os últimos xenios tecnolóxicos que pariu Estados Unidos que se asigna un salario de risa (en realidade para chorar os sete chorares se fose o dun traballador do montón). O propio fixo Mark Zuckerberg, o creador de Facebook. Nos exercicios 2016 e 2017 cobrou un dólar. No 2018, aínda non o fixo público.

E parece que esa mesma austeridade é a que manda na dieta do CEO de Twitter. Tanta que moitos se preguntan como é posible que sobreviva. A saber: só come unha vez ao día (na cea) durante a semana e absolutamente nada (excepto auga) na fin de semana. De luns a venres cea algo rico en proteínas e verduras (só follas verdes). Como capricho, algo de chocolate negro e froitos do bosque. E só con iso, aguanta todo o día seguinte. E iso que vai traballar andando. Uns 8 quilómetros. Que en xaxún, claro, fanse moito máis longos. Non parecen hábitos moi recomendables, aínda que a el parece que lle funcionan.

Tamén nisto das excentricidades alimenticias coincide con Zuckerberg, que durante un tempo só comía o que mataba. Como o len tamén. Experimentouno en carne propia (e allea, todo hai que dicilo) o propio Dorsey. Contouno nunha extensa entrevista que lle fixeron os da revista Rolling Stone. Nela relatou que o mago de Facebook fíxolle carne de cabra. Para cear, claro. E hai que presupor que a cita foi entre semana porque, lembren, as fins de semana o de Twitter só bebe auga. Precisou Dorsey que o non presenciou o sacrificio. Nin ganas. Cando chegou a casa do seu amigo Mark, o animal xa estaba morto. E no forno. Contou tamén nesa entrevista que para acompañar tan prezado manxar o seu anfitrión preparara unha ensalada. E que cando chegou á mesa, a cabra xa estaba fría. Tiveron que metela outra vez no forno. Pero con tanto e ir e vir, parece que ao fundador da rede do paxariño quitáronselle as ganas de cabra. E, ao final, só comeu o verde. Cousas de xenios.