Os cimentos do medicamento do futuro

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

MERCADOS

cedida

01 jul 2018 . Actualizado ás 04:45 h.

É coautora de dezaseis patentes. Delas, catorce foron xestionadas pola área de transferencia da Universidade de Santiago. Así que Carmen Álvarez non escatima halagos aos responsables dese servizo universitario. «Sen a súa axuda, foinos imposible redactar as patentes co grao de precisión que se require», relata. Desde a área de transferencia da USC «fóronnos axudando a identificar os nosos puntos fortes. Foi como un proceso de retroalimentación moi positivo», relata esta investigadora, adscrita ao grupo I+D Farma. Para ela, os trámites burocráticos son un mal necesario. «É un proceso complexo. Mentres estás a investigar non podes publicar nada. E despois, unha vez que a solicitude pase os exames e trámites correspondentes, temos que buscar a valorización desa investigación». Unha das patentes desenvolvidas por Carmen Álvarez deu pé á creación dunha spin-off da Universidade de Santiago.

Falamos de HGBeyond, unha firma nada no ámbito da biotecnoloxía para desenvolver industrialmente unha das patentes concedidas ao grupo I+D Farma. Trátase dun produto revolucionario, dunha formulación laureada: a fabricación de lentes de contacto medicalizadas. «Deseñamos unhas lentes con capacidade para incorporar fármacos. Fomos os primeiros en conseguir que non sirvan só para corrixir un defecto de visión, senón que se poidan usar como plataforma para curar enfermidades». Esta tecnoloxía «a nivel industrial é viable». E en demostralo está a traballarse.

Pero I+D Farma traballa noutras frontes, defendidos tamén por patentes. Unha segunda liña de investigación desenvolve unha produción de implantes inyectables que se poidan administrar a través dunha xiringa ou agulla. E hai aínda unha terceira patente cargada, como as dous anteriores, de promesas e esperanzas para os enfermos das máis diversas patoloxías. Neste caso, trátase da modificación da superficie de produtos sanitarios, como as sondas e os catéteres. Na superficie destes materiais adoitan adherirse microorganismos que poden dar problemas. «Coa modificación da superficie, o que conseguimos é que se se adhire algo, morra».

Os resultados do equipo de investigación permitiron crear unha «spin off»