Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.
La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Hai 30 anos, Vilalba tiña novo alcalde e outro deputado autonómico

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARIA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PEITEO

Agustín Baamonde substituíu a García Leira, que pasou a ser parlamentario

28 ene 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Cambiar de alcalde co mandato xa iniciado implica ás veces tensións: se hai unha moción de censura e varían as siglas, pódese xerar certa crispación. Nalgunhas ocasións, en cambio, a substitución non supón variación de siglas e responde a razóns que non dependen da política local. Así ocorreu en Vilalba hai 30 anos, pois o alcalde, José María García Leira, deixou o seu cargo, aínda que non a corporación, tras ser elixido deputado autonómico. A súa marcha supuxo a chegada de Agustín Baamonde á presidencia da corporación e a recuperación dun parlamentario procedente da capital chairega. Alianza Popular gobernaba entón con folgura na terra natal do presidente do partido, Manuel Fraga.

Suso Gayoso (1930-1987), alcalde de Vilalba a comezos dos setenta, foi deputado desde o comezo da etapa autonómica. García Leira accedeu á alcaldía tras as eleccións de 1979. Tras o triunfo de Fraga nas autonómicas de 1989, maioría absoluta incluída, incorporouse á cámara de O Hórreo, onde permanecería ata o 2005 e onde chegaría a ser presidente.

Os anos nos que García Leira estivo a cargo do consistorio caracterizáronse por sucesivas maiorías absolutas do centrodereita liderado por Manuel Fraga: once concelleiros en 1979 coa denominación de Coalición Democrática, quince en 1983 e trece en 1987 co nome de Alianza Popular.

Pola súa banda, a composición da oposición variou neses anos: en 1979 UCD logrou cinco concelleiros, e o PSOE, un; en 1983 o PSOE fíxose con dous representantes na corporación; en 1987 a Coalición Progresista Galega —formada por Coalición Galega, o Partido Demócrata Popular e o Partido Liberal— conseguiu tres edís, e a Agrupación Nacionalista, un.

Ao tomar posesión, o 22 de xaneiro de 1990, Agustín Baamonde solicitou a colaboración de todos para traballar pola consecución dunha Vilalba mellor, encomiou o traballo do seu predecesor e anunciou que non escatimaría esforzos: «Prometo sacrificio para demostrar que temos vontade de traballar», manifestou no seu discurso.

PEITEO

En 1991, con Baamonde encabezando por primeira vez a candidatura do PP, a maioría absoluta conservouse, lográndose doce concelleiros; o PSOE (tres) e Agrupación Nacionalista (dous) formaron a oposición. Ese ciclo durou ata o 2005, ano no que Baamonde deixou a alcaldía, aínda que seguindo como edil, ao formar parte da candidatura para as eleccións autonómicas. Sucedeuno Gerardo Criado.

En Baamonde houbo unha segunda etapa de alcalde: regresou en novembro do 2016 en substitución de Gerardo Criado, que marchou ao Senado aínda que seguiu tamén como concelleiro. Vilalba, de todos os xeitos, continuou tendo presenza na cámara autonómica, xa que Sandra Vázquez foi incluída nas listas do PP dese ano e no posto que ocupaba como senadora foi suplida por Criado. No 2019 o PP perdeu en Vilalba a maioría absoluta e foi superado en votos polo PSOE, que goberna en coalición con Vilalba Aberta con Elba Veleiro de alcaldesa.

Aviso de que Fraga non garantiría unha choiva de millóns

Ao tomar posesión, Baamonde asegurou que a chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta, consecuencia da maioría absoluta lograda unhas semanas antes, non ía garantir unha choiva de millóns para o municipio. Os tres concelleiros de CPG, da que era portavoz Ángel Ramil, votaron a favor. Votou en branco o edil da Agrupación Nacionalista, Carlos Gómez Osa, que logo formou parte do BNG.