O comercio de Vilalba promociónase en Nadal

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

ÓSCAR CELA

Un concurso de escaparates, un sorteo de 1.500 euros para gastar en compras e unha exposición son algúns dos actos previstos

05 dic 2019 . Actualizado ás 21:12 h.

O comercio de Vilalba promociónase este Nadal. A campaña, promovida polo Concello coa colaboración da asociación de empresarios e de e Caixa Rural presentada na mañá deste xoves, inclúe actividades variadas. O comezo está fixado para o vindeiro luns, coa colocación de bandeirolas en rúas do centro urbano. O martes 10 de publicarán as bases do concurso de escaparates, cuxos premios se anunciarán tras o día de Reis. O mércores 11 empezará a campaña de promoción do comercio, que terá como aliciente un sorteo de 1.500 euros, que deberán gastar comprando en polo menos seis establecementos inscritos na campaña, cun gasto máximo de 250 euros por negocio.

O venres 20 inaugurarase, na Casa da Cultura, unha exposición sobre o comercio vilalbés no século pasado, que irá seguida dunha mesa redonda sobre o pasado, o presente e o futuro do comercio local. Os días 27 e 28 representaranse senllos espectáculos de animación rueira, coa intervención do Os Monifates primeiro día e do Saraghallada segundo. O nome da persoa gañadora do premio de 1.500 euros en premios anunciarase o 5 de xaneiro, coincidindo coa cabalgata, e os premios do concurso de escaparates entregaranse o día 7.