A fauna de Cova Eirós ofrece pistas sobre a extinción dos neandertales

Francisco Albo
francisco albelo MONFORTE / LA VOZ

TRIACASTELA

ROI FERNANDEZ

Na zona non houbo cambios climáticos que expliquen a desaparición da especie, segundo un novo estudo

25 oct 2016 . Actualizado á 05:00 h.

A análise dos fósiles animais desenterrados no xacemento paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela, está a achegar datos de grande interese para esclarecer a misteriosa extinción do home de Neandertal. Un traballo que acaba de ser publicado na revista científica internacional Quaternary Science Reviews, baseado no estudo destes vestixios biolóxicos, apunta que o clima das montañas lucenses era practicamente igual fai uns 40.000 anos -época á que pertence a última ocupación neandertal documentada na cova- que fai 32.000, cando o lugar serviu de abrigo aos primeiros Homo sapiens. Os investigadores descartan por tanto que a desaparición dos neandertales neste territorio fose provocada por cambios climáticos e sinalan que debe ser atribuída a unha combinación de diversos factores, entre os que estaría a presión ambiental exercida polos Homo sapiens.

A investigación realizouse tomando como base un conxunto de 208 restos de pequenos vertebrados pertencentes aos dous períodos mencionados. Os fósiles son de réptiles, anfibios, insectívoros, roedores e morcegos, uns animais moi sensibles ás alteracións climáticas e ambientais. Baseándose na presenza e a ausencia de determinadas especies, os científicos poden determinar a temperatura media e o nivel de pluviosidade que se rexistraba na zona nun momento dado.

Períodos fríos e chuviosos

«Pescudamos que neses dous períodos o clima era máis frío e máis chuvioso que na actualidade, pero que entre eles non hai diferenzas significativas», explica Iván Rey Rodríguez, principal asinante do estudo. As temperaturas medias anuais -engade- oscilaban entre 8,5 e nove graos centígrados, mentres que a media actual local é de once graos. A media anual de precipitación andaba entre 1.300 e 1.400 mílimetros por metro cadrado, en tanto que agora está polos mil milímetros. «A diferenza das temperaturas medias anuais entre as dúas épocas prehistóricas podía ser como moito de medio grao -sinala o investigador-, así que se pode dicir que os neandertales e os Homo sapiens que viviron en Cova Eirós coñeceron o mesmo clima».

Os científicos apuntan que se a extinción dos neandertales non se pode atribuír a que vivisen nun clima máis rigoroso, é preciso buscar outras explicacións. Ao seu xuízo, un factor importante puido ser a expansión polo norte da península do Homo sapiens, unha especie adversaria que se mantiña dos mesmos recursos naturais. «É posible que as poboacións neandertales estivesen xa debilitadas por outros cambios climáticos anteriores, pero está claro que esa non puido ser a única causa da súa desaparición», indica Iván Rey.

O estudo suxire que a competencia dos humanos modernos supuxo para os homes de Neandertal unha perda progresiva de recursos alimentarios que puido contribuír a reducir as súas poboacións e empurralas á extinción. O noroeste ibérico, doutra banda, foi a última zona do norte da península colonizada polos Homo sapiens, que se estenderon desde o leste ao longo da área cantábrica nun proceso que durou miles de anos.

Prácticas de canibalismo que puideron ser inducidas pola perda de recursos 

Os autores do novo estudo sobre o xacemento de Cova Eirós mencionan o canibalismo como un factor que podía contribuír á extinción dos neandertales. Neste sentido fanse eco dunha teoría aínda moi recente que foi exposta a principios deste ano polos investigadores Jordi Agustí e Xavier Rubio-Campillo. Segundo esta hipótese, o avance do Homo sapiens por Europa carretou para os neandertales unha diminución dos recursos ?caza e recolección de vexetais silvestres? que os levou a alimentarse de individuos da súa propia especie para sobrevivir, o que a súa vez fixo que as súas poboacións se reducisen aínda máis ata chegar á desaparición total, fai entre 30.000 e 26.000 anos. Os indicios de canibalismo entre os neandertales detectáronse en diversos xacementos, como o da cova dO Sidrón, en Asturias.

Doutra banda, os investigadores puntualizan que no xacemento de Cova Eirós hai un baleiro arqueolóxico duns 8.000 anos entre as últimas ocupacións neandertales e as primeiras de Homo sapiens, un período no que por agora non é posible saber o que ocorreu neste territorio. «Non temos rastros da época correspondente á posible convivencia entre as dúas especies e en Galicia non hai de momento ningún outro xacemento en cova que poida ofrecer datos para cubrir ese oco», comenta Iván Rey a este respecto,

O traballo foi realizado por investigadores das universidades de Santiago, Ferrara ?Italia? e Tubinga ?Alemaña?, así como do Instituto Catalán de Paleocología Humana.