Unha colleita de fósiles de animais de gran tamaño en Cova Eirós

Francisco Albo
francisco albelo MONFORTE / LA VOZ

TRIACASTELA

ROI FERNANDEZ

No xacemento paleolítico de Triacastela péchase unha campaña que resultou especialmente frutífera

22 ago 2016 . Actualizado á 21:31 h.

No xacemento paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela, remata hoxe unha nova campaña anual de escavacións que se caracterizou polo achado de centos de restos fósiis de animais de gran tamaño. Entre eles hai numerosos ósos longos completos ou case completos de carnívoros de diversas especies, osos das cavernas e herbívoros como cervos e corzos. Moitos dos ósos mostran sinais que indican que foron cortados e machucados con ferramentas de pedra, o que proba que os homes de Neandertal que ocuparon a cova no Paleolítico Medio cazaron e consumiron estes animais.

Os directores das escavacións, os arqueólogos Xosé Pedro Rodríguez e Arturo de Lombera, sinalan que nas anteriores campañas realizadas no xacemento xa se conseguiron moitos fósiles, pero esta última foi especialmente frutífera en canto á cantidade e a calidade dos materiais. Do seu estudo no laboratorio -engaden- agarda extraer abundantes informacións sobre o modo de vida dos aínda pouco coñecidos neandertales galegos. «Grazas a estes fósiles poderanse saber moitas cousas acerca da fauna que os rodeaba, das súas estratexias de caza e dos seus hábitos alimentarios», explican.

Durante estes traballos recuperáronse así mesmo numerosos ferramentas líticas fabricadas e utilizadas nas mesmas épocas en que viviron os animais. Entre estas pezas hai artefactos realizados coa técnica Levallois -típica dos neandertales- que mostran un excelente estado de conservación, segundo os investigadores. A estes materiais súmanse numerosos carbóns pertencentes a un fogar que xa foi descuberto en anteriores campañas.

 Ocupacións curtas

Os arqueólogos, ademais, atoparon novos indicios de que en certa época os neandertales ocuparon a gruta durante etapas moi curtas, algo que xa se notou con anterioridade. «Unha proba diso é que os artefactos dese período non foron fabricados na cova, senón traídos doutros lugares», di Rodríguez.