Adega reclama protección urxente para Cova Eirós

TRIACASTELA

ALBERTO LÓPEZ

24 sep 2015 . Actualizado á 18:33 h.

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (Adega) pide á Xunta protección para Cova Eirós, e advirte de que a conservación de que o xacemento situado en Triacastela, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta, necesita medidas que corresponde tomar ao executivo autonómico. O colectivo, que esta mañá ofreceu unha rolda de prensa en Lugo, quere ademais coñecer de que modo se está cumprindo co deber de protección tras esa declaración, e avisa de que acudirá ao xulgado se non recibe resposta ou comproba que a Xunta non está a actuar de acordo coa lei.

Cova Eirós ten pinturas e gravado rupestres que se acharon no 2012. Adega sostén que ese descubrimento xa debería de motivar que se incoase o expediente do recoñecemento de BIC, e agrega ademais que a conservación dese espazo ten un risco de deterioración pola proximidade dunha explotación de Cementos Cosmos.