Os investigadores estudan novos gravado paleolíticos en Cova Eirós

La Voz

TRIACASTELA

18 sep 2014 . Actualizado á 07:05 h.

A última campaña de escavacións realizada en Cova Eirós centrouse sobre todo nos niveis arqueolóxicos correspondentes ao Paleolítico Medio, a época dos homes de Neandertal. Os investigadores puideron desenterrar un gran número de artefactos líticos e restos fósiis de animais, algo que xa agardaban, porque as sondaxes e as escavacións efectuados nas anteriores campañas puxeran de manifesto a singular riqueza arqueolóxica que encerran estas capas de terreo, situadas na galería principal da gruta.

Pero estes traballos -que levaron a cabo durante a primeira quincena do mes pasado- comprenderon tamén algunhas prospeccións nas galerías interiores da cova, onde hai tres anos descubríronse as primeiras mostras galegas de arte rupestre paleolítica. Os arqueólogos atoparon o que parecen ser novos motivos artísticos, pero o seu estudo está aínda moi pouco avanzado. «Temos que facer outra revisión nas próximas semanas para poder afirmalo con máis seguridade», explica Arturo de Lombera.

Os novos achados consisten ao parecer en gravado rexistrados nas paredes de roca, parecidos aos que se atoparon anteriormente no mesmo lugar. Pero os arqueólogos sinalan que o seu estudo resulta especialmente difícil, porque na cova hai numerosas marcas deixadas por visitantes en épocas moi diferentes que a miúdo se mesturan unhas con outras e por tanto non é sinxelo precisar cales son de orixe paleolítica. Entre elas incluso hai algúns grafitis que datan de tempos moi recentes. De momento non localizaron máis pinturas á parte das que se xa se coñecían previamente.

Á espera de datacións

Os investigadores seguen á espera dos resultados das datacións que se están levando a cabo para determinar a antigüidade destas pinturas, realizadas con pigmentos de orixe orgánica, que presentan un estado de conservación moi precario. Estas análises se efectuan co método do carbono 14. Doutra banda, os responsables do proxecto arqueolóxico están a preparar a documentación que acompañará a solicitude dunha nova axuda para continuar as escavacións. Este ano esgotouse a última subvención concedida polo Goberno central, que ascendía a 55.000 euros e que foi investida durante un trienio.