«Hai moitos peregrinos que preguntan onde está a cova»

La Voz

TRIACASTELA

28 jul 2014 . Actualizado á 07:00 h.

Os resultados das campañas arqueolóxicas realizadas en Cova Eirós serán presentadas en setembro nun congreso internacional en Burgos.

-Cova Eirós acadou moito renome durante estes anos no mundo da arqueoloxía?

-Xa é un sitio de referencia en todo o noroeste ibérico no que respecta á transición entre o Paleolítico Medio e o Superior, ou sexa, entre o home de Neandertal e o Homo sapiens moderno. Hai moi poucos lugares en toda a Península e en Europa que conteñan rastros das dúas especies, así que este xacemento está a espertar cada vez máis interese. E o achado das primeiras mostras de arte rupestre paleolítica de Galicia axudou tamén a darlle moita notoriedade.

-Hai posibilidades de musealizar estes achados?

-Iso é o que pretende facer o Concello de Triacastela, que quere crear un centro de interpretación ou un pequeno museo. Sen dúbida, materiais hai dabondo. Sería moi conveniente facer algo así para que a zona poida rendibilizar todos estes descubrimentos. Nos últimos anos, o xacemento tamén adquiriu moita celebridade a nivel popular e agora hai moitos peregrinos que pasan por Triacastela e preguntan onde está a cova, se é posible visitala... Sería interesante sacar máis partido desta fama.