Unanimidade no pleno de Sarria para que a Noite Meiga sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego

Paula Álvarez García
Paula Álvarez SARRIA / LA VOZ

SARRIA

El pleno del último jueves de abril
O pleno do último xoves de abril P.A

Abordáronse tamén a modificación de varias taxas e mocións como a implantación dunha FP de hostalería e a situación da contorna do colexio Frei Luis de Granada, entre outros

26 abr 2024 . Actualizado ás 11:56 h.

Se en algo coincidiron os concelleiros de Sarria no pleno deste xoves foi na declaración da Noite Meiga como Festa de Interese Turístico Galego. Unha proposta trasladada por a Asociación Meigas e Trasgos, que necesitaba o apoio do pleno para continuar coa solicitude. Todos os grupos coincidiron na «importancia cultural e social que ten esta festividade para o municipio». O portavoz nacionalista, Efrén Castro, engadiu que «é unha das mellores datas para a hostalería». Celébrase desde o ano 1969 o último sábado de agosto

No pleno quedaron aprobadas tamén tres modificacións de ordenanzas con votos a favor do grupo de goberno Camiña Sarria (7 concelleiros), a abstención do PSOE (2) e BNG (2) e os votos en contra do PP (4). Trátase de ordenanzas fiscais das taxas por subministración de auga, polo servizo de rede de redes de sumidoiros e pola vertedura de augas residuais nas estacións depuradoras de Sarria. As tres dan cumprimento a unha sentenza do TSXG. A portavoz do PP, Carmen López, insistiu en que «isto repercute nunha subida de taxas ao usuario,que xa tivo lugar en decembro».

Varias mocións

Ao pleno levou tamén a moción do grupo socialista para a implantación en Sarria de ciclos formativos de hostalería e a do PP para a posta en valor do Río Celeiro. Ademais, o BNG solicitou a mellora da seguridade na contorna do colexio Frei Luis de Granada e que se rehabiliten as casetas do polbo.

A petición do ciclo de hostalería aprobouse por unanimidade. Hai que destacar que Sarria, ao ser un municipio con gran repercusión do Camiño Francés, demanda profesionais de hostalería ben formados. Tamén se aprobou no pleno, aínda que con discrepancias, a moción do PP para pedir que se instalen desfibriladores en lugares destacados do municipio. 

Na moción que houbo máis desacordo entre os grupos, aínda que tamén quedou aprobada, foi a do BNG sobre a seguridade na contorna do colexio Frei Luis de Granada. Desde o PP defenden que «parécenos curioso que se obvie a responsabilidade do Concello e se dirixan exclusivamente á Consellería de Educación, cando tamén a corporación municipal fai oídos xordos». Pola súa banda, a edil de cultura do Concello, insiste en que «é a Xunta quen se ten que encargar neste caso do que lle toca, que é pedir un peche seguro nas vivendas do Frei Luis de Granada, que son responsabilidade dela». Tanto o partido socialista como o BNG reiteraron que «o importante desta moción é a seguridade no entorno escolar».