O pichichi Dani Fernández dá ás a un Paiosaco en estado de graza

La Voz CARBALLO / LA VOZ

SARRIA

Cristóbal Añón

Os de Diego Armando García pechan un mes de outubro no que gañaron tres partidos e empatado dous

29 oct 2023 . Actualizado ás 21:42 h.

Nin os máis fieis da Porta Santas agardaban ao Paiosaco a catro puntos do líder tras oito xornadas na Terceira Federación. Pero así é. O cadro de Diego Armando García, a pesar das baixas, pechou en Sarria un mes de outubro no que gañaron tres encontros e empatado dous. Esta vez, a domicilio, puideron co Sarriá. De catro partidos fóra de casa no que vai de liga, gañaron tres (Siilva, Betanzos e Sarriá) e empatado outro (Estradense).

Os verdibrancos sabían que se enfrontaban a un rival atrevido e foron buscar os seus erros a campo contrario. E Dani Fernández atopouno. Presionou ao defensa, rouboulle a carteira e fixo o 0-1 nunha cara a cara fronte ao porteiro. O carballés Boedo fixo o empate pouco despois tras unha xogada similar na que Laye escorregouse ante o dianteiro visitante. Pero xusto antes do descanso, unha gran xogada combinativa do Paiosaco rematou con Iván Amor atopando ao espazo, outra vez, a Dani Fernández, que co seu disparo cruzado marcou o 1-2.

Na segunda parte, os verdibrancos uníronse máis preto da súa propia portería e o dominio foi para o cadro local, aínda que sen grandes ocasións. Con esas, nun balón longo, Edgar non se entendeu co seu porteiro e acabou meténdoa na súa propia portería.

Dani, o pichichi

Con cinco goles en oito xornadas, Dani Fernández é, xunto a Cellerino, o máximo goleador da Terceira. E iso que chegou para xogar de extremo, pero as lesións de Raña e Cristian dotáronlle dun papel máis goleador, que está a cumprir á perfección.

FICHA TÉCNICA

SARRIÁ (1) - Javi Liz; Ale Velasco (Ferreiro, 79), Susavila (Pablo Rey , minuto 66), Edgar, Miguel; Brais (Alberto Vilariño, 46); Tiján, Sandei, Germán, Boedo; Diego Rey (Jacobo Vilariño, 77)

PAIOSACO (3) - Dani Moreno; Bilal, Laye, Popi, Dopico, Fer Gordo; Juanma (Josiño, minuto 66), Javi Sande, Moure; Dani Fernández (Willian, 82) e Iván Amor (Eiroa, 87).

GOLES: 0-1, min. 23: Dani Fernández; 1-1, 30: Álex Boedo; 1-2, Dani Fernández; 1-3, min. 90: Edgar, en propia meta.

ÁRBITRO: Casanova Cudeiro, Manuel. Amoestou ao local Velasco e ao visitante Popi.