A primeira autovía autonómica da provincia abrirase no 2022

xosé ramón penoucos LUGO / LA VOZ

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

As obras do tramo entre A Pobra de San Xiao e Sarria empezarán na primavera

05 novs 2019 . Actualizado ás 12:40 h.

As obras do desdobramento en autovía do tramo da vía de alta velocidade entre A Pobra de San Xiao e Sarria Norte darán comezo na próxima primavera. A infraestrutura será a primeira de titularidade autonómica que se executará na provincia, xa que as restantes son todas de rango estatal.

A Xunta anunciou o pasado xoves que a licitación das obras está prevista antes de que finalice este ano, polo que os traballos darán comezo ao principio do 2020.

A gran vantaxe para que este proceso sexa agora tan áxil deber a que no seu momento as expropiacións que levaron a cabo xa foron pensando no futuro desdobramento, polo que a práctica totalidade dos terreos xa están a disposición da administración autonómica. O único que tiveron que facer agora foi iniciar 53 procesos de expropiación, pero só para facer axustes na obra, polo que ao afectar a extensións de terreo moi pequenas poderán levar a cabo sen que interrompa nin o proceso de licitación nin o comezo das obras.

O tempo estimado para a conclusión das obras desta primeira fase é de dous anos, polo que se se respectan os prazos os lucenses poderán estrear a nova infraestrutura a principios do 2022.

O primeiro tramo que se executará conta cun orzamento de 24,4 millóns de euros para completar os 11,5 quilómetros que unen a ligazón da Pobra de San Xiao, curiosamente no termo municipal do Páramo, cos de Sarria Norte en Betote e Sarria Centro na zona do Lázaro que dá acceso á rotonda que enlaza coa estrada de Paradela e Portomarín.

Unha vez que se estean desenvolvendo as obras desta primeira fase, tamén se avanzará de xeito paralelo na redacción do proxecto da segunda fase entre Láncara e o cruzamento de Nadela, para o que está prevista un investimento que podería superar os 35 millóns de euros.

A primeira fase do corredor entre Nadela e Sarria foi inaugurada no ano 2008. O último tramo entre Sarria e Monforte abriuse ao tráfico en 2015, pechando así un investimento da administración autonómica de 135 millóns de euros.

O desdobramento do corredor en autovía porá o punto e final a unha reclamación de veciños de Sarria que comezou hai case dúas décadas.

As primeiras protestas veciñais foron no 2001 e a única petición era que se suprimisen as perigosas curvas de Balmao, a apenas dous quilómetros de Sarria. O PSOE primeiro e pouco despois o BNG creaban senllas plataformas para reclamar que se realizase unha actuación que suprimise esas curvas e logo un corredor. O PP tardou en sumarse ao carro, pero cando o fixo foi ao grande, reclamando unha autovía entre Sarria e Nadela.