Javier Campo, gandeiro de Samos: «Teño que durmir non coche xunto ás vacas por ven ou lobo»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARREIRA SAMOS / LA VOZ

SAMOS

Javier Campo, ganadero de Samos, contanto los problemas con el lobo en su aldea
Javier Campo, gandeiro de Samos, contanto os problemas co lobo na súa aldea Óscar Cela

O lobo levou a dous becerros en apenas unhas semanas na zona de Lóuzara

20 may 2023 . Actualizado ás 14:02 h.

Os ataques do lobo chegaron nas últimas semanas á zona de Lóuzara e o monte Oribio, en Samos. Os animais hanse levado dous becerros de dúas explotacións, o que activou a alarma dos gandeiros: «Teño que durmir no coche xunto ás vacas por se ven o lobo», asegura Javier Campo, que non se pode permitir perder máis gañado. 

Este lucense vive en Outonín de Abaixo, en Samos, xa no Val de Lóuzara, e ten unha explotación de 22 vacas, ademais de ovellas, ás que leva dedicándose toda a súa vida. Os animais pastorean en diferentes leiras repartidas pola zona e no monte Oribio, que ocupa terreo do municipio de Samos e de Triacastela.

Hai aproximadamente un mes, Campo trasladouse desde a súa aldea a ver como estaban as vacas á primeira hora da mañá,nunha leira a uns dous quilómetros. «Cando volvín a casa, eran como as oito da mañá, ía almorzar e cando me din conta había unha vaca na porta da casa», lembra. 

Estrañoulle e o gandeiro volveu enseguida a ver se os animais estaban ben, pero todo o gando xa se escapou do terreo porque un lobo devorara a un dos becerros. «Tiña unhs 25 días, cando cheguei, que non tardei nada, apenas quedaban restos, só un par de ósos», conta. 

Ata ese día, os gandeiros da zona non tiveran problemas co lobo. «Fun o primeiro en caer». Os seguintes días ao ataque, Campo vixiou con máis frecuencia o gando e unha noite puido ver que se trataba dunha manda de tres lobos. 

Desde entón, empezou a tomar medidas. Primeiro, unha das vacas que acababa de parir, resgardouna nun cortello en casa polas noites. O samonense tivo que incrementar máis o coidado cando o lobo atacou a outro dos veciños. «Non foi no Oribio na parte alta, senón nuns terrenos próximos á aldea, levoulle un becerro», relata.

A explotación do gandeiro é pequena e non quixo arriscarse a perder máis animais, así que durante esta semana decidiu durmir xunto ás vacas para vixialas. «Levei o coche e pasei alí a noite por se volvía a aparecer, o podía espantar». 

Campo non ten mastines como protección e esta vez tampouco se puido beneficiar das axudas por perder a un dos seus animais. «Chamei ao Seprona para dar parte, pero como non quedaba nin a cabeza nin o espinazo non consta», explica.

«Todos nos dedicamos á gandaría e só quedamos un por aldea»

 O ataque sufrido por Javier Campo non é co único co que ten que convivir. A ameaza do lobo únese tamén á prata de rata topo que se estende pola montaña de Lugo e deixa aos gandeiros sen herba. Campo e o resto de propietarios de monte comunal tiveron que colocar trampas mañá e noite para atrapar aos roedores.

Ademais, tampouco axudan os prezos da carne: «Véndense os becerros a 1.000 euros, o nai do que eu perdín non volve dar cartos ata dentro dun ano e medio».

O samonense era o único habitante da súa aldea ata que hai un ano un xubilado volveu á súa casa natal de Barcelona. Campo fai reconto dos pobos veciños e, con nome e apelidos, sabe que tan só queda un habitante por cada un deles.

A arquitectura tradicional de Samos, xa máis semellante á típica do Courel, resiste malamente o abandono. «Os que quedamos aquí traballamos todos na gandaría, pero cada vez é máis complicado», lamenta.