Unha empresa da aceleradora ViaGalicia desenvolve un sistema para paliar a seca

manu outeiro VIGO / LA VOZ

RIBEIRA DE PIQUÍN

cedida

O control de depósitos de auga da firma lucense Data Monitoring permite liquidar as fugas de xeito inmediato

02 may 2018 . Actualizado ás 11:46 h.

Os períodos de falta de choivas son cada vez máis habituais e a seca xa é un problema real en Galicia. Para previr os seus efectos, controlar a rede de abastecemento e xestionar os escasos recursos hidrolóxicos, catro enxeñeiros de Lugo crearon un dispositivo co que monitorizan en tempo real a ocupación dos depósitos de auga e, se se produce unha fuga accidental, salta a alarma para cortala de inmediato. «Nos tempos que corren, perder litros de auga por un descoido é un luxo que poucos concellos se poden permitir», explica César González, un dos fundadores de Data Monitoring, cuxo innovador proxecto foi elixido por Zona Franca para ser desenvolvido na aceleradora de empresas Vía Galicia.

«Fíxonos moita ilusión», confesa González, a reacción do seu equipo ao recibir a noticia de que foran un dos 16 elixidos para entrar na aceleradora. «Dixéronnos que tiñamos moitas posibilidades, fomos a todas as tutorías previas e tiñamos moitas ganas de entrar. A parte económica axudaranos a crecer, a investigar e a contratar traballadores, tamén a expandirnos», relata o enxeñeiro os plans que poderán facer realidade grazas a esta axuda.

O sistema de vixilancia de depósitos de auga adoptárono xa dous municipios do interior da provincia de Lugo, Pastoriza e Ribeira de Piquín, pero xa teñen contactos máis que avanzados para instalarse noutros. O funcionamento do seu dispositivo é tan sinxelo como útil. O xestor do servizo de abastecemento da auga ten unha aplicación instalada no seu móbil na que pode comprobar en calquera momento os niveis de todos os depósitos da rede municipal. Antes, un operario tiña que encargarse de chequear un a un o estado dos depósitos, de modo que se se producía unha fuga nun, non podería emendarse ata que o traballador a detectase nunha das súas visitas. «O aforro é importante», destaca César.

Pero o seu aparello, unha caixiña de 24 por 19 centímetros dotada dun sensor que escanea o depósito, non só achega información sobre os niveis de ocupación, tamén controla a proporción de cloro no líquido. «Todo nun móbil ou pecé», subliña González, orgulloso do uso que soubo dar o seu equipo a un software libre que calquera pode descargar de Internet.