É difícil atender aos maiores?

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

POL

FOTO CEDIDA

A axuda a domicilio adoita estar en mans de empresas, pero en Riotorto, en Pol e en Ribeira de Piquín hai xestión pública

02 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Guitiriz leva meses intentando -ata agora, con pouco éxito- que o servizo de axuda a domicilio pase a estar xestionado por unha empresa. A alcaldesa, Regina Polín, manifestou nalgunha ocasión que o seu criterio persoal e ideolóxico inclínase pola xestión pública antes que pola privada, pero que un servizo como este supón actualmente un escollo para a administración local, condicionada polas disposicións de control de gasto ditadas por gobernos do PP.

Pero se prestar o servizo é difícil, atopar unha empresa que o asuma tamén implica as súas dificultades, igualmente reflectidas no caso de Guitiriz. Tras aprobarse nun pleno de principios de marzo o correspondente prego de cláusulas do servizo, que ten un persoal dunhas 30 persoas e uns 100 usuarios, nunha sesión celebrada un mes despois constatouse que non había empresas interesadas na xestión, que se ía sacar a concurso por dous anos, prorrogables por outros dous.

Entón, cos votos favorables do grupo de goberno (PSOE) e do concelleiro Jesús Veres, acordouse extinguir o procedemento, aínda que a alcaldesa avanzou que se elaboraría un contrato menor (de 15.000 euros) para poder acudir a unha empresa que ofrecese persoal suplementario para cubrir baixas ou substitucións. Para rematar, no pleno que se celebrou antonte á noite aprobouse un novo prego de cláusulas.

A situación de Guitiriz parece presentar certas peculiaridades, pero non é nova: por exemplo, o Concello de , A Pastorizacun goberno PSOE-BNG, acordou fai varios anos encomendar o servizo a unha empresa, e o alcalde, Primitivo Iglesias , afirmou onte que as advertencias e reparos de persoal municipal facían difícil manter a xestión pública do servizo. Noutros casos -Vilalba, Friol ou Castro de Rei, por exemplo-, hai xa anos que a xestión está en mans dunha empresa. Noutras -nesa situación están Cospeito e Meira- o cambio foi máis recente.

Para outros gobernos locais, a razón pola que o servizo pasa da xestión pública á privada parece estar en dificultades derivadas do persoal: en Begonte encomendouse a unha empresa nos inicios do pasado mandato, e o alcalde, José Ulla, considera que a clave non está na cuestión económica senón na maior facilidade coa que unha empresa privada atopa persoal para afrontar substitucións.

Hai casos nos que o servizo se presta desde hai anos e pasou dunha empresa a outra. Nesa situación atópase Abadín, onde a xestión, cuns 100 usuarios, ten nova concesionaria. O persoal que traballa nesa área rolda as 30 persoas, que serán subrogadas á nova empresa.

Tamén se dan situacións nas que a xestión se encomendou a unha empresa e o sistema mantense pese ao cambio de siglas no goberno local: así ocorre en Muras , onde o BNG e o PSOE asinaron un acordo tras as pasadas eleccións municipais, e onde os usuarios do servizo son uns 60, segundo datos achegados onte polo alcalde, Manuel Requeijo. No veciño municipio de , Xermadecon alcalde do PSOE desde o 2015, iniciouse o procedemento para sacar de novo a concurso a xestión de servizo, que terá un prazo de dous anos máis dúas eventuais prórrogas que poderán sumar outros dous.

En municipios como Riotorto e Ribeira de Piquín a situación é a mesma: o servizo funciona baixo control municipal. No primeiro hai uns 80 usuarios, atendidos por un persoal dunhas dez presentas; no segundo aténdese a unhas 40 persoas, cun persoal de sete.

O alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias (PP), non ten plans para encomendar a xestión a unha empresa privada, e cre que co sistema actual hai vantaxes variadas: por unha banda, di, ao Concello sáelle máis económico este modelo; por outro, agrega, o persoal que traballa goza dunhas condicións mellores que as que tería se dependese dunha empresa privada.

En Ribeira de Piquín, pese ao modelo de xestión pública, acódese a unha empresa privada cando hai necesidade de cubrir baixas ou substitucións. En Pol , pola súa banda, o servizo tamén funciona baixo control municipal, aínda que o alcalde, o socialista Lino Rodríguez, explicou onte que non se descartaban cambios a curto prazo.

O rexedor admitiu que resultaba difícil manter o servizo dentro da xestión pública polas dificultades de cubrir vacantes nalgúns momentos; así as cousas, non sería estraño, agregou, que antes de fin de ano dar pasos para decidir a concesión a unha empresa.

O rexedor polense admite a dificultade de manter o servizo baixo o control municipal