Outeiro de Rei prepárase para a súa XVII Feira de Artesanía: «Queremos que non só veñan a mercar, senón a vivir unha xornada diferente»
OUTEIRO DE REI

Postos únicos, obradoiros, música, gastronomía e natureza danse cita este sábado nun evento que pon en valor o comercio e os produtos de proximidade
03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O próximo sábado, 5 de xullo, Outeiro de Rei converterase nun auténtico escaparate da creación artesanal e da tradición con motivo da celebración da XVII Feira da Artesanía, unha das citas máis destacadas do calendario festivo do municipio. Organizada polo Concello coa colaboración de numerosas entidades, a feira reunirá preto de 90 expositores de artesanía e alimentación, ademais de ofrecer un completo programa de actividades para todas as idades.
A feira busca promover o traballo artesanal, valorizar os oficios tradicionais e dinamizar a actividade económica e turística da zona. No apartado artesanal, os visitantes poderán atopar pezas únicas de cerámica, cestería, madeira, xoiaría, instrumentos tradicionais, artesanía téxtil, traballos en ferro, macramé ou encaixe de bolillos, entre outros. Na sección de alimentación destacarán os produtos locais e gourmet como queixos, embutidos, mel, doces, viños, licores ou produtos con denominación de orixe como os allos de Vallelado ou o pemento de La Vera.
A xornada comezará ás 10.30 h coa IV Andaina Solidaria a beneficio da Asociación Somos Unidos por el Cáncer, e continuará ao longo do día cun amplo abanico de propostas: demostracións de oficios en vivo, actuacións musicais, talleres infantís, exhibicións de tiro con arco, motos ou figurismo con motoserra, paseos en kaiak, comida popular, sorteos, e mesmo un punto de adopción canina a cargo de Garatuxa.
O Hotel Casas da Fortaleza acollerá durante todo o día os Encontros coa Música Tradicional, cunha mostra de instrumentos e actuacións como as de Axeigo, Suso Vahamonde ou Os Xílgaros de Lugo.
Todo este esforzo organizativo converte a feira nun evento cultural e social de gran valor para o municipio. Desde o Concello destacan que a feira é tamén unha forma de poñer en valor o rural, crear comunidade e achegar ás novas xeracións a riqueza das tradicións manuais e musicais.
Marisol Picón, axente de desenvolvemento local do Concello, sinala esta data como un evento único.
—Que é o que fai que esta feira sexa tan memorable tanto para quen participa como para quen visita?
—O que fai realmente especial esta feira é a contorna na que se celebra. A combinación das rúas do centro urbano, coas súas zonas amplas e agradables, e o contacto directo coa natureza no Campo de Santa Isabel crean un espazo moi atractivo. Este campo é un dos puntos neurálxicos da xornada, onde teñen lugar moitas das actividades. Pero, por suposto, sen os artesáns e os expositores nada disto sería posible. Eles son a esencia da feira. Ao final, trátase de ofrecer unha xornada divertida e completa para que as familias veñan, gocen da experiencia… e repitan en futuras edicións.
—Como se elabora a programación?
—É unha feira que destaca pola súa variedade. Buscamos combinar unha ampla oferta de postos cun programa cheo de actividades para todas as idades. A idea é que quen nos visite non só veña mercar, senón que viva unha xornada diferente. Mantemos unha estrutura base, pero en cada edición incorporamos novidades. Mesmo as actividades que se repiten seguen sendo esperadas con ilusión, porque esta feira celébrase só unha vez ao ano e o público deséxaa.
—Como evolucionou a feira ao longo dos anos?
—A feira foi medrando de forma sostida desde os seus comezos. Actualmente está pensada para acoller entre 80 e 90 postos, pero sempre ofrecendo variedade, calidade e produtos singulares, difíciles de atopar nos comercios habituais. Ademais, ao longo dos anos fomos vendo como Outeiro de Rei gañaba presenza dentro da oferta turística de Galicia. E cremos que esta feira contribúe claramente a iso: a construír unha proposta turística atractiva e de calidade.