A anterior propietaria dirixe agora O Chiringuito de Muras

Lucía Rey
lucía rei OUROL / LA VOZ

MURAS

xaime ramallal

03 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Encantada coa clientela e co negocio estivo durante preto de oito anos a anterior dirección da Taberna de Xerdiz, encabezada pola viveirense Cristina Bermúdez Martínez, que se despediu o pasado setembro. Actualmente, esta hostaleira está a cargo de O Chiringuito de Muras, un negocio situado no municipio de Muras, limítrofe con Ourol. Trátase dun local municipal situado na contorna da área recreativa da Veiga, xunto ao río Eume. O Concello murense outorgoulle a concesión do servizo e comezou a funcionar o pasado mes de xaneiro. Racións, bocadillos, hamburguesas ou comidas por encargo, entre outros, compoñen a oferta gastronómica dun establecemento que dalgún xeito continúa na liña que con gran éxito impulsou a súa propietaria na súa etapa na Taberna de Xerdiz. Nela tamén organizou durante algún tempo festas ou actuacións musicais que contribuíron a dinamizar unha parroquia ourolense onde cada vez quedan menos veciños e a poboación está moi envellecida, pero que recibe a diario unha trasfega constante de traballadores e operarios de parques eólicos ou do sector forestal. Tamén de turistas e visitantes en épocas como o verán ou a Semana Santa.