Muras presume do seu mel de montaña

Óscar Cela LUGO / LA VOZ

MURAS

Os nove produtores que asistiron á feira puxeron á venda mil quilos, con prezos entre 10 e 12 euros

10 dic 2023 . Actualizado ás 14:13 h.

O bo tempo animou a que a oitava edición da Feira do Mel de Montaña de Muras estivese este domingo moi concorrida. Participaron algo máis de 30 expositores, nove deles de mel, e o resto que vendían produtos artesáns, como cervexa, queixos, cera ou hidromiel. En total puxéronse á venda uns mil quilos de mel, cuns prezos que oscilaron entre os 10 euros a multiflora e os 12 euros a monoflora de breixo de montaña.

A feira estivo amenizada con música, con talleres para nenos onde se lles explicaba a forma de conseguir o mel, e unha degustación de varios produtos elaborados con Lucía Freitas, propietaria de restaurantes como Lume e A Tafona, cunha Estrela Michelín. Freitas explicou cun showcooking a elaboración da degustación que puideron tomar os asistentes.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, mostrouse contento por como transcorrera a xornada e pola boa asistencia a unha feira que se consolidou no calendario das citas do outono lucense e que axuda a promocionar un produto de elaboración propia. A feira comezou o sábado, cunha cata, unha conferencia a cargo do apicultor Miguel Vélez e degustación.