Monterroso, centro da cosmética: «Galicia ten potencial en principios activos, fórmulas e laboratorios»

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA LUGO / LA VOZ

MONTERROSO

Responsables de Cosmética Muuhlloa
Responsables de Cosmética Muuhlloa ALBERTO LÓPEZ

Cosmética Muuhlloa é a sede da recentemente creada Asociación Cosmética de Galicia

13 may 2024 . Actualizado á 21:10 h.

Hai anos que pequenos emprendedores de cosmética están a loitar de xeito independente por saír adiante. Cada vez son máis e defenden que se trata dun sector cun gran potencial en Galicia, porque a comunidade ten todo o necesario para despuntar: desde os principios activos na natureza ata os laboratorios con persoal formado. Por iso, decidiron unirse na Asociación Cosmética Galega para sacar músculo. A sede está en Monterroso, no centro de Cosmética Muuhlloa: «Galicia vende e temos toda a credibilidade».

A selección desta localización, explican as propias xerentes, é porque a cosmética natural e ecolóxica nace no campo, onde están os principios activos nas plantas. «Consideramos que unha zona rural como Monterroso, o corazón de Galicia, era o sitio perfecto para ser o corazón da cosmética galega». Parte dos asociados empregan ingredientes derivados da natureza, dos que a comunidade galega é máis que rica: «temos a terra e o mar que nos rodea».

Aínda así, non todas as marcas que pertencen á asociación son ecolóxicas, pero si todas están fabricadas en Galicia. «Non só se trata da utilización das plantas, senón que tamén se fan as fórmulas desde aquí e prodúcense nos laboratorios locais. Hai empresas que poden usar principios activos doutros sitios pero a fabricación está aquí», argumentan desde Muuhlloa.

O emprendemento rural ten un peso importante porque a cosmética xurdiu en numerosas ocasións de «a necesidade de reinventarse» e ten os principios activos a pé de casa ou herda o saber antigo das avoas. Pero o sector en Galicia tamén ten unha parte relevante de empresarios universitarios e da industria farmacéutica que fan outro tipo de cosmética moi avanzada. «Podemos aprender uns doutros.»

A asociación xurdiu da vontade de unir forzas para colaborar entre todos, compartir experiencias e coñecementos: «Xa na primeira reunión creáronse sinerxías, de xente que ten un laboratorio e pode encaixar co produto de outro». As responsables de Muuhlloa explican que en Galicia hai moitos pequenos proxectos que ás veces resulta difícil coñecer de xeito individual.

En canto aos laboratorios, algunhas emprendedoras rurais xa relataran a dificultade de legalizalos. Por iso, para as empresarias máis pequenas é vital coñecer outros laboratorios máis grandes onde levar a súa fórmula e fabricar os produtos. «Sería ilóxico que cada empresa teña o seu laboratorio», opinan.

Unha marca conxunta

Por outra banda, a razón da asociación tamén é crear unha marca a nivel autonómico, como pode ser Artesanía de Galicia: «É un signo de calidade que implica que se cumpren certos parámetros». Ao mesmo tempo, cada empresario conserva a súa esencia e o seu proxecto. «Galicia é un signo de cosmética fantástica, hai calidade e ganas e queremos chegar máis lonxe».

As lucenses aseguran que aínda que os produtos galegos teñen unha «credibilidade absoluta», a cosmética de aquí é pouco/pouo coñecida. Así que a través da asociación buscan posicionarse e converterse nun sector punteiro. Entre os seus retos está establecer máis lazos coa Universidade, facer cursos e dar formación ou impulsar o emprendemento rural.