Os fillos de Bilbao veranean en Monterroso

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo MONTERROSO / LA VOZ

MONTERROSO

Carlos Castro

Agosto é o mes por excelencia no que emigrantes e os seus descendentes curan a morriña

04 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A historia de María José Blanco Gavieiro é a de moitos. A dunha filla de emigrantes de Monterroso que naceu en Bilbao pero que cada ano, puntualmente, regresa á terra da que partiron os seus pais e que, dalgún xeito, tamén considera súa. Cada ano, cando chega o verán, o municipio da Ulloa multiplica a súa poboación. Durante décadas moitos monterrosinos fixeron as maletas para buscarse as habichuelas lonxe do seu fogar, e Bilbao e tamén Barcelona foron os seus principais destinos.

Agora, emigrantes que no seu momento fixeron o camiño de ida, percorren cada ano o de volta para reencontrarse coas súas orixes. Tamén o fan os seus fillos. Mesmo os seus netos. Volver, aínda que sexa unha vez ao ano, converteuse nun fío condutor das súas vidas. «Os recordos da infancia tráenme a Monterroso, sin duda. Pasabamos tres meses no verán aquí, e non estabamos á marxe de nada. Tiña amigas na aldea que tiñan gañado, que tiñan casa de labranza; e estabamos con elas, recolliamos as patacas, cortabamos o trigo, iamos coas vacas. Faciamos todos o traballos do verán e iso son recordos que me vinculan con Galicia», conta María José.

A nai de María José naceu en Monterroso, e o seu pai, no Pino. Ela veu ao mundo en Baracaldo, pero desde cría o seu oído habituouse a escoitar falar en galego aos seus pais e aos seus tíos. A ela o acento vasco delátaa, e conta entre risos que aínda que o entende, non se atreve co galego. Dálle vergoña non falalo correctamente. Pero iso non impide que se senta unha máis cando está en Galicia.

«Non se que ten isto que nos atrae tanto; talvez porque parece mentira, pero a pesar de ter nacido alí, os meus pais e os meus tíos sempre falaban galego e as cousas de Galicia tirábanlles moito. Vivímolo desde pequenos. Sobre sentimentos non se pode explicar un; pero é que cando estou aquí, síntome plenamente integrada, eu síntome galega tamén», conclúe.

Tanto nas aldeas como na vila de Monterroso a historia repetíase ano tras ano. Ao acabar o colexio, os fillos dos que un día emigraron, ou xa os netos nalgún caso, encamiñábanse cara á terra dos seus devanceiros para vivir durante un par de meses toda unha inmersión na Ulloa. «Cando era pequena, a miña avoa tamén estaba en Bilbao, e cando acababa o cole, viñámonos/viñámosnos as dúas», lembra María José. Comezaban os días de xogos, festas e horas en familia. Cos que se quedaron aquí e tamén cos que, como ela, regresaban durante unhas semanas para curarse unha morriña forxada durante sucesivos veráns na Ulloa e alimentada durante os meses de inverno no País Vasco.

Desfacer o camiño

Aínda que ao longo dun ano María José pode botar menos dun mes en Monterroso, vella perfectamente integrada, saudando a torto e a dereito. Lembrando anécdotas e póndose ao día. «É que estou totalmente acostumada», explica. Ademais, no caso da súa familia varios dos seus parentes fixeron o camiño inverso. «Curmáns que naceron en Bilbao han ir vindo, buscando traballo e aquí quedáronse. Entón, estes días estamos a familia completa».

Aínda que María José fixo toda a súa vida no País Vasco, recoñece que é moi posible que no futuro recolla as maletas e poña dirección a Monterroso, pero de xeito definitivo. Vese regresando a vivir ao que un día foi o fogar da súa familia. «Seguramente, cando me xubile, víngame, véxome vivindo aquí», di sen lugar para a dúbida.

Polo momento tense que conformar con pasarse un par de semanas no verán, algúns días en Semana Santa e algún que outra ponte. «Agora, por traballo, non podo virme o mes enteiro e noto que me falta algo», concede . Pero ese mes aprovéitao. Goza coa súa xente, vai ás festas das vilas de ao redor e lembra historias que foron comúns a moitos emigrantes e descendentes de emigrantes. Porque nos meses de verán en Monterroso escóitase en cada esquina iso de agur .