



















A festa de recreación histórica de Lugo arrincou coa chegada das lexións, un combate e o aceso do lume sagrado
12 jun 2025 . Actualizado á 22:47 h.Nunha tarde plomiza e fresca cruzaron o río Miño as lexións de Caio Antistio O Vello. Chegaron ao ritmo de cornos e trompetas e baixo movementos castrenses ensaiados ao milímetro. Alén da ponte, na chaira do parque, celebraban as tribos galaicas, alleas ao que se lles viña amais, o solsticio de verán ao redor dunha fogueira. Familias, guerreiros e ata nenos entregados a unha celebración que a chegada da delegación romana truncou.
As palabras latinas que servían de fío condutor para a mensaxe do imperio resultaban indescifrables para os castrexos, que se preguntaban en que idioma falaban aqueles estranxeiros que vestían túnicas e que se presentaban acompañados de soldados. Do que non tiveron dúbidas foi das formas. Ao entender os pobos galaicos que o contubernio romano non chegaba en son de paz, tiraron de arcos, frechas e pedras para botalos con caixas destempladas.
Chegaron logo os reforzos da lexión e correu o sangue. De pouco valían os escudos romanos ante o empurre das tribos, que viron como, por segunda vez, facían fincar o xeonllo ás forzas invasoras. Celebraron os castrexos o seu triunfo e leu o druída nas vísceras dos seus inimigos o futuro: virán máis tropas e a loita será encarnizada. Hoxe, na Praza de Santa María, ás 20 horas, as tribos decidirán como plantar cara ao invasor e declararán a guerra.
Un arranque vistoso
Así, con loita, triunfo momentáneo dos castrexos, pero con bos agoiros para os romanos, arrincou o Arde Lucus. Fíxoo como sempre, xunto ao río Miño, pero movendo o escenario e cambiando o guion. Nesta ocasión, as tribos galaicas agardaron aos homes do César no parque, polo que todo o público que se congregou puido gozar do espectáculo con máis espazo e de forma máis cómoda. E mentres outros anos os romanos xa dobregaban ás tribos no primeiro combate, nesta ocasión a loita segue en pé.
O espectáculo que se viviu a beiras do Miño —onde as asociacións de recreación renderon tributo a Paula Alvarellos antes do evento— foi ameno, con romanos e castrexos entregados aos seus papeis e co público agradecido. Tras o acto inaugural, e ao ritmo dos tambores, o foco desprazouse ao centro da cidade, onde as vestales acenderon o lume sagrado que alumará Lucus Augusti ata o vindeiro domingo.
O Arde Lucus está en marcha e durante tres días Lugo transformarase en Lucus Augusti.
Castra e mercado a media tarde
Tras os actos simbólicos cos que se inaugurou onte a festa, este venres arrinca o forte do Arde Lucus. Ás cinco da tarde inaugurarase o mercado na Praza Maior e a continuación a Castra no Parque de Rosalía, así se porán en marcha campamentos e actividades. Entre as propostas destacadas do día está a Palestra, que veñen sendo unhas pequenas olimpíadas que comezarán ás 18 horas na Praza de Ferrol, a actividade infantil Misión Salvar a Roma que será polas Costas do Parque ás 18.20, ou os gladiadores, que empezarán ás 18.30. Haberá teatro en Santa María a partir das 20 horas e, como novidade, os Ritos en honra a Baco a partir das 23 horas en Santo Domingo.