Os policías que investigaron o crime de Cristina Cabo en Lugo coinciden en que «había sangue por todos lados» e que o acusado «estaba familiarizado coas armas»

LUGO CIUDAD











«El díxonos que se foi todo de control», sostivo o inspector xefe no xuízo. El e outros compañeiros acreditaron que «pretendía fuxir de Lugo o día que o arrestamos» e probaron que a vítima «tratou de arrastrarse cara á porta» cando estaba a se desangrar tras recibir 47 puñaladas
27 may 2025 . Actualizado á 23:28 h.A segunda xornada do xuízo de Cristina Cabo comezou na Audiencia Provincial de Lugo dunha forma máis sosegada do que o fixo a primeira. Este martes, algúns familiares agardaban a José Valencia, o acusado, na porta do edificio, pero non houbo berros ou insultos. É o autor confeso da morte da lucense de 42 anos, en novembro do 2022, pola que se enfronta a 30 anos de prisión por asasinato con aleivosía e ensañamiento. O seu defensa pide unha pena reducida de 15 por homicidio.
Durante toda a mañá foron declarando policías de distintas unidades, pero con algo en común, que participaron na instrución da causa. Entre eles o inspector da UDEV, que coordinou a investigación na súa fase máis inicial. Os seus testemuños axudaron a probar varias circunstancias: que o acusado tiña formación militar, que pensaba abandonar Lugo tras cometer o crime, que a escena na que apareceu o cadáver era dunha crueza extrema e que Cristina se mantivo con vida durante un tempo tras recibir 47 puñaladas.
Os policías acreditaron que o acusado pensaba deixar Lugo ese mesmo día
A primeira declaración foi a dun dos axentes que participou na entrada e rexistro na casa na que residía o acusado. «A primeira estancia era o salón. Había dúas mochilas e unha tiña un computador portátil dentro. Chamounos a atención e acendémolo. Nada máis abrilo xa vimos que aparecía un nome: 'Cris'. O fondo de pantalla era unha fotografía desta moza, a vítima. Evidentemente, incautámolo», lembrou o axente. El e os seus compañeiros pasaron entón á cociña do domicilio, onde atoparon varias pezas de roupa, «como preparadas para irse a algún lado». O policía destacou unhas zapatillas, «que estaban a secar porque foran lavadas, pero aínda tiñan restos de sangue». Compañeiros da Policía Científica leváronas para analizar en laboratorio se ese sangue era da vítima, como así foi finalmente.
Durante o rexistro acompañounos o acusado, que estaba «aparentemente tranquilo». Ademais, incautaron a bicicleta de Cristina, o móbil de Valencia e un cartón SIM «que comprara el mesmo o domingo, despois do crime». En definitiva, e a preguntas da acusación particular, o axente concluíu que «parecía a roupa de alguén que estaba preparado para marcharse».
Tras o deste axente, foi a quenda de declarar dun dos seus compañeiros. A súa principal función foi a de desprazarse ata a planta da empresa de Sogama, no municipio coruñés de Cerceda, para buscar a roupa ensanguentada que tirara ao lixo o acusado o día posterior ao crime. «Puxémonos a buscar as pezas no medio de toneladas de residuos procedentes de Lugo. Non o logramos a pesar de que estivemos alí varias horas», declarou.
O instrutor da causa explicou como estaba a escena do crime e as primeiras actuacións policiais
O testemuño máis agardado do día foi o terceiro. Héctor Pérez, inspector da UDEV naquel momento, coordinou a investigación do crime. «Cando nos informan do falecemento desta moza, o primeiro que fixemos foi acordoar a zona da súa casa e montar en dispositivo con Policía Científica e Policía Xudicial», lembrou o inspector.
Pérez participou na toma de declaración de testemuñas, na reconstrución das últimas horas de Cristina e, en definitiva, «en todos os pasos desta investigación». Segundo Pérez, a súa intención era a de «acumular todas as probas que puidesen ter importancia no procedemento, como impresións dixitais, sangue, roupa...». O inspector xestionou o global da investigación, desde a incautación dos elementos roubados na casa de Cristina ata o labor da Policía Científica ou solicitando testemuños de veciños e amigos da vítima.
A inspección ocular do piso da vítima, iso si, realizouna a subinspectora. Neste punto da súa declaración, a xuíza ordenou desaloxar a sala para que o inspector reconstruíse a forma na que descubriron o corpo de Cristina. Fíxoo para evitar que a familia puidese ver as duras imaxes do cadáver. Ao permitir de novo a entrada de público, o inspector da UDEV ratificou que o coitelo que se lle estaba mostrando ao xurado era a arma homicida. Tratábase dun instrumento con mango de madeira e unha folla duns 8 centímetros.

Valencia reviviu como se produciu o crime
A parte máis tensa da intervención foi na que se reproduciu o vídeo gravado durante a reconstrución dos feitos na casa de Cristina, onde se pode ver e escoitar á xuíza falando co acusado. «Estabamos no seu cuarto e manifestoume que se atopaba mal. Sentei e acendinme un cigarro», empezou a dicir o autor confeso do crime. Logo, lembrou que lle dixo a Cristina que «me tiña que dar os 400 euros que me prometera», unha tese que el mantén desde o inicio do proceso e que a acusación rexeita, alegando que a vítima xamais pagaría por sexo.
«Cando lle dixen o do diñeiro, ela levantouse furiosa e foise ao baño. Empurroume e díxome 'vai da miña casa'. Díxenlle que vale, pero que tiña que coller o meu maletín. Ameazoume e díxome "que queres, que che dea coitelo?" e lanzoumo ao peito. Retrocedín cara atrás e agarreina da man. Díxenlle que acougase, que non había problema, que me ía a ir. Empezou a berrar "auxilio, policía". Entrei en pánico e saíuse todo de control. Aquí [sobre a cama] foise todo de control...», rematou, dicindo literalmente que non quería declarar nada sobre o que pasou cando el a acoitelou, limitándose a dicir unha e outra vez que «todo se foi de control».
O inspector Pérez, ao retomar a palabra, destacou que o acusado «é unha persoa acougada e en absoluto púxose nervioso durante a reconstrución dos feitos; tampouco antes ou despois». O inspector tamén declarou pola súa actuación como perito, non só como policía. E é que realizou, por exemplo, un informe sobre o percorrido que fixeron xuntos Valencia e Cabo aquela noite, desde o exterior do Furancho ata a rúa Quiroga. «Sobre as oito da mañá, vimos a alguén baixando en bicicleta desde a casa da vítima. A esas horas, en novembro, non é habitual ver a alguén en bicicleta. Pensamos que tiña que ser el», resolveu. Entre as 6.21 e as 8.44 horas foi o «intervalo crítico» no que sucederan os feitos. A esa última hora, Cristina aínda estaba viva, pois foi cando se rexistrou a chamada perdida a unha amiga que se mencionou na primeira sesión do xuízo, este luns.
«A vítima tratou de arrastrarse cara á porta. O seu móbil estaba ao seu alcance e había outros elementos onda ela, como o coitelo ou un vaso»
Pérez indicou tamén os resultados da súa análise da escena do crime. «Había moita sangue. Na cama, na parede e no chan. Había vestixios de que a vítima tratou de arrastrarse cara á porta. Marcas de movemento. E as palmas dunhas mans feitas con sangue no chan. O seu móbil estaba ao seu alcance e había outros elementos onda ela, como o coitelo ou un vaso», contou. Certificou tamén que «o acusado se moveu pola casa tras o suceso», manifestando que «é obvio que había un interese económico na súa forma de actuar».
«O seu traballo foi encomiable», chegoulle a dicir a fiscal ao inspector Héctor Pérez, que continuou a súa declaración lembrando tamén como participou noutra pericial, a de extraer información do teléfono móbil do acusado. «Descubrimos unha foto dun billete de autobús a unha localidade de Castela e León», con data do propio día da detención, o que proba que Valencia pretendía marcharse de Lugo. «A súa intención era a de fuxir inmediatamente, claro».
No móbil descubriuse tamén unha imaxe do acusado «con armas, como por exemplo un machete, e con roupa de militar», seguramente durante a súa formación no Exército de Colombia, algo que xa relatou a súa irmá na primeira vista do xuízo. «Esta foto era relevante porque nos pareceu que probaba que estaba familiarizado coas armas», indicou o axente.
Acreditou que a irmá lle trasladara que Valencia «tivera problemas de roubos en Colombia» e que lle pediron a Interpol o seu rexistro de antecedentes xudiciais, que non tiña nada anotado. Para rematar, Pérez concluíu lembrando «a forza sorprendente do detido no momento do arresto», para o que «foron necesarios todos os axentes do dispositivo».
Tras o inspector xefe declarou brevemente un compañeiro seu da UDEV, que se limitou a lembrar a súa actuación á hora de redactar o informe e estudar os vídeos das cámaras de seguridade que axudaron a reconstruír o traxecto de Cristina e do seu verdugo aquela noite e como el, posteriormente, volveu ao seu domicilio na bicicleta roubada.
«Chamounos a atención a gran cantidade de sangue ao redor da vítima, que estaba tirada no chan, espida, e con múltiples feridas»
Os primeiros peritos en declarar este martes —máis aló da actuación neste aspecto do inspector xefe— foron dous axentes da Policía Científica. Eles actuaron na recollida de vestixios na casa de Cristina, pero tamén na do acusado. Ambos lle explicaron ao xurado que a súa función principal era a de «recoller e etiquetar calquera cousa que poida ser de interese para a causa». Do mesmo xeito que declararon os seus compañeiros, explicaron que atoparon o portátil e a bicicleta de Cristina na casa do procesado.
Deixaron rexistro do sangue na roupa de José Uriel Valencia e puntualizaron que «a pegada atopada na casa da vítima correspondíase coas marcas das zapatillas do acusado». Cando chegaron á casa de Cristina, non observaron «signos de entrar con forza» e o primeiro que viron foron «cousas tiradas polo chan». Ao chegar á vítima, chamoulles a atención «a gran cantidade de sangue ao redor dela, que estaba tirada no chan, espida, e con múltiples feridas».
A sesión da mañá rematou despois de que a avogada de José Valencia renunciase ás declaracións de dúas das súas testemuñas. Estas eran a sobriña do acusado e unha amiga súa á que coñecera pouco antes en Lugo.
O amplísimo informe da Policía Científica: máis de 600 fotos e 118 vestixios solicitados
A sesión de tarde, que parecía que podía ser extensa, finalmente durou menos de dúas horas ao pasar varios peritos á vista do mércores, a terceira e última, por motivos de axenda. Nesta quenda, por tanto, remataron declarando seis axentes de distintas unidades, a maioría da Policía Científica.
A declaración máis interesante foi a conxunta do inspector e subinspector desa mesma sección na Comisaría Provincial de Lugo. Foron eles quen redactou o amplísimo informe do que acharon nun pulcro estudo das vivendas da vítima e do acusado. En total, incluíron máis de 600 fotos e recolleron máis de 115 vestixios no seu documento común. «Realizamos tres inspeccións. Unha preliminar a noite na que se achou o cadáver e dous ao día seguinte, máis exhaustivas», arrincou un dos axentes. Ambos lembraron que atoparon a primeira mancha de sangue nas escaleiras do edificio, algo que indicaría que o autor do crime baixou por alí tras matar a Cristina e ía goteando sangue. Isto puidérono probar ao diferenciar entre as «manchas por arrastre» e as relativas á «caída por gravidade», especificando que non eran iguais os restos que había xunto ao cadáver, «máis relacionados con alguén movéndose e tocando mantas e outros obxectos», e as que atoparon no chan doutras estancias, máis vinculadas a un «goteo» dunhas mans ou unha peza de roupa ensanguentadas.
Por iso, puideron concluír que «o autor do crime ía goteando sangue da vítima pola casa» e que «había restos do ADN do acusado no coitelo» que atoparon ao lado do corpo. Mencionaron, finalmente, que lles «chamou a atención» que estivese o baño «tan limpo». Por iso, requiriron a asistencia dun equipo da Coruña para que realizasen «unha análise con luminol» e, efectivamente, «apareceron restos de sangue que foran limpados». «Ese sangue non se vía a primeira ollada», complementaron. Para rematar, un dos axentes concluíu que «a vítima se moveu estando xa ferida de morte» e «deixou manchas de sangue por arrastre na cama e no chan», ou incluso «no seu teléfono móbil», indicando que «tratou de collelo estando xa moi débil».
«Estaba tirada no chan, espida, e con signos evidentes de violencia. Estaba todo cheo de sangue, por todos lados»
Este testemuño ampliárono dous policías da Unidade Central de Criminalística de Madrid, que compareceron por videoconferencia. Eles compararon a pegada marcada con sangue no chan da vivenda de Cristina coa zapatilla incautada no domicilio onde residía José Valencia. O seu veredicto non foi moi directo, pero si claro. «Non se puido determinar que o calzado sexa o mesmo porque a marca estaba incompleta, pero non hai dúbida de que a pegada se corresponde cunha sola como a que posúe a zapatilla que nos enviaron», dixo un deles.
Tamén compareceron outros axentes da Policía Científica, esta vez da Coruña. Estes simplemente valoraron os vestixios rexistrados e compararon as pegadas achadas en varios elementos na casa da vítima, como a arma homicida ou un paraugas, coas do acusado. No caso do coitelo, as pegadas eran súas, mentres que no paraugas xa aparecían tamén as da vítima.
Máis aló da Policía Científica, o outro gran testemuño da tarde foi o da subinspectora da UDEV que participou e coordinou o caso. Ela, en diferentes funcións, viviu de primeira man as primeiras horas tras o crime. «Na casa da vítima houbera unha loita, sen dúbida. Había obxectos movidos e tirados, aínda que só no salón. Ela estaba tirada no chan, espida, e con signos evidentes de violencia. Estaba todo cheo de sangue, por todos lados. Tiña feridas nas costas e no peito, e cortes de carácter defensivo nas extremidades», resumiu.
A fiscal do caso xa eloxiara indirectamente o seu traballo ao felicitar ao inspector na sesión da mañá, xa que ela participou tamén na coordinación das actuacións. Lucía Girón, representante do Ministerio Fiscal, quixo tamén destacar o «exhaustivísimo» da Policía Científica.
Que falta?
Así rematou a segunda xornada do xuízo este martes, marcada polo traballo dos axentes que participaron na investigación nos seus primeiros momentos. Este mércores, no terceiro e último día, deberán testificar peritos forenses, algún outro policía e, sobre todo, o acusado. Pola tarde será a quenda dos informes das partes, que pecharán o proceso e darán paso ao labor do xurado, que se retirará a deliberar ao termo do xuízo ata que atopen un veredicto.