O tren

Antón Grande TRIBUNA

LUGO CIDADE

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Isto do tren con Galicia, e en especial con Lugo, está a soarme xa a broma. Pechan todas as portas para que non viaxemos en ferrocarril, ou para ser máis prácticos, deixan de vender billetes nas estacións, incluso algunhas como a de Sarria, e a desculpa é a de sempre, non hai pasaxeiros suficientes e o mellor medio de locomoción, e máis ecolóxico, de momento porque en Lugo aínda non chegou a electricidade, -está ben que os de Lugo sexamos así, un tanto raros, pero tanto como para que nos deixen á expectativa- os resultados son que a pixota se morde a cola, ou sexa, non hai pasaxeiros, pechamos, pero por que non hai pasaxeiros? Porque os trens son unha coña, chegan tarde, se averían, e así forzamos os peches.

Recordo as miñas épocas xuvenís cando me percorrín media Europa en tren, porque era o máis cómodo, rápido e ademais, barato grazas ás rebaixas que nos ofrecían aos estudantes universitarios. Trens veloces, cómodos e con multitude de ligazóns para percorrer calquera lugar de Francia, Italia, Alemaña, Bélxica ou o que fose. E así segue. Agora os trens de vía estreita, o Transcantábrico ou o Hullero, sobre o que deixou escrito un excelente libro o coruñés José María Merino, son un verdadeiro desastre de abandono e desinterese. Os mercancías pasan por Lugo case sen que nos decatemos, a estación lucense é unha paraxe deserta para os viaxeiros e aínda amais véñennos vendendo agora, uns e outros, a intermodal. Pero se non hai trens, nin usuarios. Pois que pechen e non se anden con coñas, que os de Lugo somos moi sentidos. E gústanos viaxar, cómodos, e elixir o que mellor funciona. Menos o tren, claro.