Lugo: cidade de ríos

LUGO CIDADE

oscar cela

23 ene 2019 . Actualizado ás 09:23 h.

Lugo experimentou, desde os anos 90, unha apertura cara aos seus ríos que se viu plasmada, por exemplo, no trazado e acondicionamento dos paseos fluviais cos que conta na actualidade. Un dos principais atractivos da cidade está no seu cinturón verde, no feito indiscutible de que na súa contorna natural a vexetación autóctona está moito mellor preservada que noutras cidades galegas. Os paseos dos ríos Miño e Rato e as áreas naturais que rodean o núcleo urbano aínda permiten captar os matices das estacións, ese devalar da paisaxe que tanto lle gustaba a Otero Pedrayo. O verde vibrante da primavera, a frondosidade e a frescura da sombra nos días de verán, o xogo de ocres, amarelos e vermellos do outono, a beleza espida das pólas recortadas contra o ceo invernizo que deixa pasar a luz e a calor do sol cando máis se precisan... Nos arredores de Lugo, onde aínda se conserva unha enorme biodiversidade, persisten os matices do ciclo natural propios do noso clima temperado. Non semella casual que dous dos textos máis fermosos sobre a paisaxe galega, Mito e realidade da terra nai, de Xoán Rof Carballo, e “Abrente e solpor da paisaxe”, de Celestino Fernández de la Vega, fosen escritos por dous lucenses.

O proxecto de abrir unha praia fluvial nas proximidades do río Rato afonda, sen dúbida, nesa integración dos ríos na vida e no lecer da cidade, como xa se fixo en Ourense ou Allariz, por citar só dous lugares nos que a actividade no río é particularmente intensa. Mais, certamente, trátase dunha idea que debe levarse a cabo con todas as garantías medioambientais, porque o patrimonio natural que aínda nos rodea é tan valioso e tan fráxil como o cultural, e merece o mesmo grao de protección e respecto. Non se trata de actuar con precipitación, senón con acerto, para que a intervención que finalmente se execute enriqueza paisaxisticamente a cidade e leve os seus habitantes e visitantes a transitar as marxes dos seus ríos e a gozar do espectáculo incomparable da nosa vexetación autóctona.