O lucense que actualizou o adestramento

Dolores Cela Castro
Dolores Cela LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

óscar cela

01 jul 2018 . Actualizado ás 04:45 h.

Se de antemán tivese claro o longo e complicado que sería o proceso, o lucense Nacho Varela Suárez, graduado en Actividade Física e do Deporte, posiblemente non patentase o seu dispositivo portátil de adestramento. Un equipo innovador que funciona por medio de poleas e que está deseñado para exercicios de forza e control co peso do corpo. Varela decidiuse a dar o paso ao comprobar que o aparello que deseñou e fabricou para uso propio no desenvolvemento do seu proxecto de fin de carreira tiña algo especial: a súa mobilidade. O creador, no entanto, asegura sen andrómenas que se soubese desde o comezo as dificultades ás que se enfrontaba, non se decidiu a facelo.

O seu dispositivo diferénciase doutros con prestacións similares en que é portátil e pódese desprazar para realizar a actividade en calquera parte e tamén no feito de que dispón dun sistema de bloqueo das poleas que permite manter o peso no aire a unha altura cómoda. O inventou patentouno como modelo de utilidade, despois de asesorarse na Oficina de Patentes e Marcas. Varela Suárez asegura que é moi útil para calquera deportista que basee os seus exercicios no peso corporal, pero especialmente para policías nacionais e bombeiros que practican calistenia, unha disciplina deportiva, baseada máis en movementos de grupos musculares que na potencia e no esforzo. As poleas permiten ir liberando parte do peso que soportan, a medida que se vaia perfeccionando o exercicio.

Necesitou meses de traballo para atopar os materiais que buscaba. Precisaba unha polea con sistema de freado, que atopou nas que se usan en náutica, pero o seu prezo encarecía o produto. A solución, despois de numerosas procuras, atopouna nun tornero de Lugo, que creou un modelo específico, parecido ao dos barcos, máis económico e adaptado á función deportiva que desempeña. O dispositivo, que Varela xa comercializa en Internet, está composto por un arnés, un tubo de aceiro inoxidable para os discos que achegan o peso, ademais da polea co sistema de bloqueo. Existe un kit básico, de 166,90 euros, e outro con algún accesorio que permite máis exercicios, que custa 199,90 euros.

O dispositivo xa está á venda por Internet a un prezo que oscila entre 166 e 199 euros