Poñen a proba a variante de Láncara cun simulacro de accidente de tren

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LÁNCARA

Decenas de figurantes participaron na simulación no túnel máis longo da vía

23 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O túnel de Torrente é o máis longo dos tres que teñen os sete quilómetros da variante ferroviaria de Láncara, estes días na fase de probas previa á súa posta en marcha. Mide preto de 1.400 metros e foi o escenario elixido para un simulacro de accidente ferroviario no que onte participaron servizos de urxencias e forzas de seguridade, ademais de persoal e responsables do Adif e de Renfe e do departamento de Protección Civil da Xunta.

Esta simulación trataba de recrear un hipotético accidente de tren ocorrido no medio deste túnel, situado no termo municipal do Páramo e a uns poucos centos de metros da nova estación que substitúe á actual da Pobra de San Xiao. Para iso, Renfe fixo circular desde Monforte un tren de viaxeiros de media distancia conducido por un maquinista de verdade e atendido por un interventor e un axente de seguridade privada tamén auténticos. Os que eran simulados eran os 38 pasaxeiros, en realidade figurantes de diferentes idades aos que se lle asignaron diferentes personalidades. Os que tiñan un papel máis relevante eran os dez que tiñan que facer ver que habían resultado feridos de diferente consideración no pretendido accidente. Un dos que facían de vítimas era o alcalde do Páramo, Gumersindo Rodríguez.

O tren que os levaba saíra de Monforte á primeira hora da tarde e eles agardábano na nova estación da Pobra de San Xiao. O previsto era que o tren saíse cos 38 viaxeiros e os tres empregados de Renfe ás cinco da nova estación da Pobra de San Xiao, pero problemas técnicos que ao parecer tiñan que ver co cambio de agullas do empalme entre a vía antiga e a nova atrasaron máis de dúas horas o inicio do simulacro.

Parouse no medio

Pasaban as sete cando por fin o tren se meteu no túnel para deterse no medio e Renfe e o Adif activasen os avisos aos servizos de urxencias, que xa estaban avisados e agardaban nas súas respectivas bases a que todo empezase. Os primeiros en chegaron foron dous sanitarios dunha ambulancia do 061 con base en Sarria. Entraron coa ambulancia ata a entrada do túnel e correron despois ata o lugar no que estaba o tren.

En paralelo, especialistas da Cruz Vermella das agrupacións de Lugo e Burela entraron tamén ata o túnel e en apenas cinco minutos montaron unha carpa a modo de hospital de campaña. Despois foron chegando os bombeiros do parque de Sarria e do servizo municipal contraincendios de Lugo, persoal de diferentes grupos de urxencias locais e voluntarios de Protección Civil de Portomarín e de Lugo. Axentes da Garda Civil do posto de Sarria supervisaron a evacuación dos feridos, trasladados a pé por sanitarios e bombeiros polo pasadizo de urxencias que percorre o interior do túnel.

O primeiro que pasa

O tren que simulou este accidente é o primeiro convencional que circula por estes sete quilómetros de nova vía, que pasan por territorio dos municipios de Láncara, O Páramo e O Corgo. Toda esta fin de semana percorreu arriba e abaixo a variante un vehículo ferroviario de obra de Ferrovial, a empresa que xunto con Obras Subterráneas formou a UTE que gañou no 2006 o concurso organizado polo Ministerio de Fomento para construír este tramo de nova vía férrea. Este tren técnico simula a carga dun convoi normal para comprobar que esta nova infraestrutura está en condicións de entrar en servizo.

Os sete quilómetros da variante de Láncara están construídos coa planificación técnica das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade, co ancho europeo, electrificación e dobre vía. Con todo, como non se sabe cando estará nesas condicións o resto da liña entre Lugo e Ourense, o Ministerio de Fomento decidiu que a vía agora en probas teña o ancho convencional, máis reducido que o de alta velocidade, careza de rede eléctrica e sexa dunha soa vía. Por iso, apréciase en todo o novo tramo que a plataforma sobre a que se asenta a vía ten ancho suficiente para outra máis, igual que o túnel de Torrente e os outros dous que hai nesta variante.

Un tren que saíu de Monforte levou aos supostos viaxeiros ata o centro do túnel