«Os gandeiros deberan ser máis responsables e comunicar os casos que vai habendo»

Xosé María Palacios Muruais
x. m. palacios LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

PEPA LOSADA

19 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

No pasado outono, a unha explotación gandeira do municipio de Guitiriz chegou a enfermidade hemorráxica das vacas. Víronse afectadas 15 das 50 reses reprodutoras, e os problemas na gandería, na que foi necesario administrar inxeccións con antibióticos e antiinflamatorios, notáronse nas semanas seguintes. Meses despois, aínda non se despexaron os nuboeiros a pesar de que non apareceron máis casos.

As consecuencias foron notables, xa que máis ou menos a metade das reses afectadas tiveron que ir ao matadoiro tras verse que tiñan problemas para quedar preñadas. Os prezos da carne están agora un pouco máis altos que hai meses, e esa foi precisamente a única satisfacción que atopou o dono dos animais. Tampouco se viu na necesidade de comprar vacas fóra, posto que coas da súa explotación puido ir renovando a cabana.

De todos os xeitos, non por iso acabáronse os problemas. En primeiro lugar, o gandeiro asegura que non dispón de datos exactos sobre o prexuízo económico sufrido: «Non calculei os gastos, pero foron moitos», di. En segundo lugar, non cre que a ameaza de novos casos desaparecese, e teme que uns próximos meses con temperaturas altas axuden a que a enfermidade se estenda. Incluso está a reconsiderar a súa intención de acudir a concursos fóra de Galicia polo temor a que os animais se contaxien e volvan as preocupacións de meses pasados. «Aínda non empezou a calor, pero a situación podería ser peor», explica.

A esa inquietude engádeselle o detalle de que non cobrou axudas, pois están previstas para casos de morte de animais e na súa explotación non se chegou a ese extremo. De todos os xeitos, non aforra críticas á Administración, nin, por outra banda, deixa de sinalar a parte que deben cumprir os gandeiros.

«Creo que a Administración non é consciente do que hai, e creo que hai gandeiros que non informan dos problemas, e así a Administración non é coñecedora dos casos que aparecen», manifesta. Cal pode ser, entón, a solución que achegue algunha garantía? «Os gandeiros deberan ser máis responsables e comunicar os casos que vai habendo», afirma. Ante a chegada do verán, na súa explotación procura tomar medidas: «Eu boto insecticida, pero...», di.

«Vai ser catastrófico»

Polo seu traballo, está en contacto habitual con gandeiros doutras comunidades autónomas. No que vai de ano, neses lugares a situación foi tranquila; con todo, as impresións ante o verán reflicten preocupación.

«Creo que este ano vai ser catastrófico, porque cando empece a calor, o mosquito xa estará aí», di. Esa presenza fai temer que a propagación dos casos se produza con rapidez: «Se o ano pasado se expandiu en dous meses...», advirte.